Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE EXPORÁ OS MELLORES PRODUCTOS GALEGOS DURANTE A 14ª EDICIÓN DE SALIMAT
07/06/2010.

GALICIA CALIDADE EXPORÁ OS MELLORES PRODUCTOS GALEGOS DURANTE A 14ª EDICIÓN DE SALIMAT

O evento terá lugar dende o 10 até o 13 de xuño no recinto feiral de Silleda

A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, sabe da importancia que ten en Galicia o sector agroalimentario e da pesca. Neste senso, hai que destacar que máis do 90 % dos seus produtos pertencen a estes sectores. Froito desta aposta, a marca de garantía pública estará presente na decimocuarta edición do Salón de Alimentación del Atlántico, que terá lugar entre o 10 e o 13 de xuño no Recinto Feiral de Galicia, en Silleda.

Galicia Calidade contará no evento cun stand de 100 m2 onde estarán presentes todos e cada un dos 109 produtos que a día de hoxe están amparados pola marca de garantía. Un abano dos mellores produtos galegos coa garantía e a confianza que supón o aval da Xunta de Galicia. Especial fincapé hai que facer nesta ocasión para aqueles pertecentes ao sector da alimentación por tratarse dun salón adicado ao mesmo.

Salimat, convertido na actualidade no salón da alimentación de referencia no noroeste peninsular, ofrecerá aos expositores a posibilidade de mostrar o seu producto aos importadores e comercializadores internacionais que se van achegar nestes días até o recinto feiral. Nesta edición, cobrará especial protagonismo os Encontros Internacionais de Compradores, que permitirán ás pequenas e medianas empresas abrir novos mercados tanto en España como a nivel internacional.

Neste senso, na pasada edición esta iniciativa foi un éxito, avalado por las cifras ao celebrárense cerca de 2.000 entrevistas de negocio, con 45 importadores de 12 países: Xapón, Alemaña, Rusia, Noruega, Lituania, Candá, EAU, Reino Unido, Países Baixos, Bélxica e Dinamarca.

Potenciar os produtos de calidade
Outra das iniciativas que se pretenden levar a cabo nesta edición de Salimat, e que entronca directamente coas pretensións de Galicia Calidade, é o de potenciar os produtos de calidade. A Consellería de Economía e Industria, a través da marca de garantía, é consciente de que Galicia conta con produtos excepcionais no sector da alimentación pero que nunha época coma a actual, cunha coxuntura económica difícil, é preciso promocionar e diferenciar, para axudarlles a situalos nos mercados internacionais e no resto de España.

Durante os dous primeiros días Salimat 2010 estará dirixida exclusivamente aos profesionais do sector. Ao chegar o fin de semana abriranse as portas ao público transformándose o evento nun escaparate destinado ao consumidor final, unha magnifíca oportunidade de promoción se temos en conta que é quen ten a última decisión de compra. Unha oportunidade única para que as empresas informen e formen aos consumidores, tanto no recoñecemento da calidade como nas vantaxes dun consumo saudable e responsábel. Por outro lado, o evento constitúse como un espazo inmellorábel para proxectar a imaxe de marca das empresas, xa que esta dobre orientación permitiralles aos expositores chegar ás deceas de miles de persoas que pasarán polo recinto feiral durante os catro días do certame (na pasada edición rexistráronse cerca de 60.000 visitantes).

As empresas que a día de hoxe contan con produtos adheridos a Galicia Calidade e que, polo tanto, estarán presentes en Salimat son: Adega Dos Eidos, Aguas de Cabreiroá, Aguas de Mondariz e Fuente Del Val, Avícola De Galicia, Bodegas Ruchel, Casa Brandariz, Casa Cacheiro, Cooperativa do Longueirón de Fisterra, Coren, Coreti, Customdrinks, Feiraco Lácteos, Gallego Pereira Frigoríficos, Gargalo, Gres Galicia, Hijos De Rivera, Hornos Sanfiz, Hotel Louxo, Hotel Augusta Spa Resort, Ingapan, Jealsa-Rianxeira, Kiwi Atlántico, Leche de Galicia, Luis Escuris Batalla, Mariscos Linamar, Patatas Conde, Paquito, Pazo de Vilane, Puerto de Celeiro, Queixería Cas Leiras, Queserias Castillo De Pambre, Torre De Núñez De Conturiz, Transportes Auto-Radio, Vidisco e Vilarvín.

Redes sociais

Multimedia