Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE INCORPORA Á ADEGA DA D.O. DO RIBEIRO BODEGAS NAIROA
13/01/2012.

GALICIA CALIDADE INCORPORA Á ADEGA DA D.O. DO RIBEIRO BODEGAS NAIROA

A empresa vinícola, do concello ourensá de Arnoia, contará con oito caldos amparados polo selo de calidade 

O Director-Xerente de Galicia Calidade, Carlos Vila, fixo entrega do certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade á adega da Denominación de Orixe do Ribeiro Bodegas Nairoa. A empresa do concello ourensá de Arnoia tense convertido nos últimos tempos nun referente dentro da súa indicación xeográfica destacando polo coidado e a calidade dos seus caldos. En concreto, contará cun total de oito caldos amparados polo selo autonómico: “Val de Nairoa”, “Alberte”, “Nairoa”, “Lumieira”, “Meixengo”, “Terralonga”, “Val de Couso” e “Monte Erea”. Vila fixo entrega do certificado ao xerente do grupo Nairoa, Guillermo Díez.

250.000 botellas elaboradas con calidade

Bodegas Nairoa elabora desde 1.999 viños de alta expresión, persoais, complexos e armónicos. A adega está situada na comarca de Arnoia na que, sobre as súas asolladas ladeiras de chans graníticos e clima atlántico, crecen as cepas vellas das variedades treixadura, albariño, *oureira, lado, … que dan vida a uns viños nos que a calidade é un referente. Unha viticultura tradicional e de baixos rendementos garante a obtención dunhas uvas nas que se manifesta o carácter varietal e do “terroir”. Así chegan á Adega, onde son elaboradas con respecto, de maneira que os nosos viños levan a mensaxe da máis pura identidade destas terras de Galicia.

A beiras do río Arnoia nun edificio de arquitectura tradicional galega sitúanse as modernas instalacións de Bodegas Nairoa, nelas procésanse as uvas colleitadas a man e seleccionadas, aplicando unha vinificación respectuosa coas variedades pero tamén imaxinativa e nova como é o caso da conxelación pelicular das uvas.

Os viños elaborados por Nairoa están amparados pola Denominación de Orixe Ribeiro, segunda máis antiga de España, oficialmente recoñecida en 1.932. Nairoa conta cunha producción de 250.000 botellas ao ano duns caldos coidados, respectando a esencia dos viños da D.O. e aportándolles a innovación necesaria para converterse en referentes nos mercados nacionais como internacionais. 

Froito desta excelencia do seu traballo, Bodegas Nairoa recibiu dende o ano 2007 diversos premios e condecoracións, como as recibidas recentemente: a medalla de prata no Concurso Mundial de Bruxelas 2011 ou a distinción no Decanter World Wine Awards 2011.

Con esta incorporación, Galicia Calidade conta na actualidade con 35 empresa amparadas e un total de 135 produtos. Pode consultar máis información na nosa web dentro do apartado de empresas. 

Redes sociais

Multimedia