Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE INCORPORA A EMPRESA PADRONESA A PEMENTEIRA
25/05/2012.

GALICIA CALIDADE INCORPORA A EMPRESA PADRONESA A PEMENTEIRA

O xerente da marca de garantía fixo entrega do certificado de uso á presidenta na sede da empresa 

A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, vén de amparar unha nova empresa ao seu selo de garantía. Trátase da Pementeira, unha empresa do concello coruñés de Padrón adicado á produción e venda de pementos de Herbón, un produto de calidade que conta coa Denominación de Orixe. O xerente de Galicia Calidade, Carlos Vila, fixo entrega onte  do certicado de uso ao tempo que visitou as instalacións da empresa padronesa.

A Pementeira é unha Sociedade Agrícola de Transformación dedicada á produción, envasado e comercialización do Pemento de Herbón e fundada por 23 agricultores/as cunha ampla experiencia neste cultivo. O equipo, constituído na súa maioría por socios e socias cunha idade media relativamente nova, é herdeiro dunha sabedoría e tradición a preservar ao mesmo tempo que pon en marcha mecanismos que permitan obter o máximo rendemento do traballo e ofrecerlle aos clientes a mellor calidade. 

A empresa naceu no ano 2006 e finalmente, no verán de 2008 púxose en marcha a Nave de Envasado saíndo ao mercado co nome de S.A.T. A Pementeira. Hoxe, grazas a un grupo de interprofesionais cualificados que os asesoran para unha xestión eficaz do cultivo e comercialización dos pementos, e aos medios dos que dispoñen, ofrecen ao cliente un produto de primeira calidade desenvolvendo un sistema eficiente de produción e comercialización.

A S.A.T. A Pementeira non quere ser unha entidade pechada, nun futuro mantén a idea da incorporación de novos socios/as, a unha agricultura que é un modo de vida. Este proxecto colectivo de agricultores/as, constitúese coa  premisa dunha nova  xeración de produtores/as  que queren producir, envasar e distribuír calidade, como fin do seu obxectivo prioritario. Cumprindo así os requisitos, como o etiquetado, situando o Pemento de Herbón – Padrón  con outros produtos con denominación de orixe de modo que o comprador pagará o producto pero saberá que é o auténtico, e con garantía de calidade.

132 produtos amparados

 Con esta incorporación, Galicia Calidade conta na actualidade con 132 produtos amparados dun total de 36 empresas. Gran parte das mesmas, ao igual que a Pementeira, pertencen ao sector agroalimentario, que se converte nun dos sectores estratéxicos da marca de garantía. Nos vindeiros días, outras dúas empresas recibirán o selo de garantía de Galicia Calidade. 

Redes sociais

Multimedia