Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE INCORPORA Á EMPRESA PONTEVEDRESA CELTIC ESTORES
04/07/2012.

GALICIA CALIDADE INCORPORA Á EMPRESA PONTEVEDRESA CELTIC ESTORES

O Director Xerente do selo de garantía fixo entrega hoxe do certificado de uso da marca nas instalacións da entidade

A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, acaba de incorporar a unha nova empresa á súa marca de garantía. O xerente da sociedade pública, Carlos Vila, fixo entrega hoxe do certificado de uso a Celtic Estores, dedicada á fabricación e distribución de cortinas e estores para protección solar a medida e estándar. No acto tamén estiveron presentes a alcaldesa do concello pontevedrés de Moraña, María Luísa Piñeiro, ademais do xerente da empresa, Casian García.

Con esta distinción, Galicia Calidade ampara os seguintes produtos de Celtic Estores: "Persianas venecianas de aluminio e madeira", "Cortina enrolable", "Cortina enrolable gardada en caixón", "Cortina plegable", "Toldos" e "Mostrarios de persianas e cortinas", todos comercializados coas marcas Bandalux e Viewtex. Así, a marca de garantía recoñece a calidade destes produtos así como a súa orixe galega, debido á súa fabricación na fábrica pontevedresa situada en Moraña.

A fábrica conta cunha superficie de 11.000 m² e uns 200 empregados. Produce todo tipo de cortinas conseguindo sempre a máxima calidade, grazas á última tecnoloxía. Unha fábrica que abastece a Bandalux Industrial S.A, empresa fundada en 1986 e líder en comercialización de cortinas. Celtic Estores pertence a Celtic Group, un holding empresarial de integración vertical presente en máis de 75 países e con máis de 1.200 profesionais en persoal.

Máis de 150 produtos

Con esta incorporación Galicia Calidade conta xa con máis de 150 produtos e servizos amparados dun total de 43 empresas asociadas. Celtic Estores é a primeira empresa que conta con esta distinción dentro do seu sector de produción, outorgándolle así unha distinción sobre a súa competencia directa e achegando o valor que supón para un produto contar co selo de garantía autonómico máis recoñecido en toda España polos consumidores. Poden consultar máis información de Galicia Calidade na nosa web www.galiciacalidade.es.

Redes sociais

Multimedia