Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE INCORPORA ÁS TRES ADEGAS DO GRUPO HGA BODEGAS Y VIÑEDOS DE ALTURA
05/07/2013.

GALICIA CALIDADE INCORPORA ÁS TRES ADEGAS DO GRUPO HGA BODEGAS Y VIÑEDOS DE ALTURA

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixo hoxe entrega no Rosal do certificado de uso ao presidente do grupo Horacio Gómez

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixo hoxe entrega do certificado de uso da marca de garantía ao presidente do grupo HGA Bodegas y Viñedos de Altura, Horacio Gómez, ao que pertencen as tres adegas Regina Viarum, Pazos de Villarei e Altos de Torona-Tollodouro. Con este recoñecemento, os caldos certificados poderán incluír na súa etiquetaxe o distintivo de calidade da Xunta de Galicia.

O xerente de Galicia Calidade realizou unha visita ás instalacións dunha das adegas amparadas, Altos de Torona-Tollodouro, no Rosal, acompañado polo presidente do grupo e por distintos membros do consello de administración de HGA.O certificado de uso, con validez para os vindeiros tres anos, permitirá aos viños das tres adegas pertencer ao selecto grupo de produtos amparados polo distintivo, que poderá ser incluído nas etiquetaxes así como noutras accións de promoción que estimen oportuno. 

Con estas incorporacións, Galicia Calidade conta con viños amparados das cinco denominacións de orixe de Galicia e cun total de nove adegas: Adega dos Eidos, Bodega Castro Baroña, Bodegas Nairoa, Bodegas Ruchel, Gargalo e Vilarvín, ás que se suman as tres do grupo HGA. En total, a marca de garantía ampara a máis de 250 produtos das 48 empresas certificadas polo selo de garantía.

Aposta pola calidade
O grupo HGA Bodegas y Viñedos de Altura vén apostando pola calidade dende o seu nacemento, o que o converte nun referente no sector vitivinícola galego. A primeira das adegas, Adegas Tollodouro, da D.O. Rías Baixas, atópase en Vilachán (Tomiño-Pontevedra), contando cun viñedo de máis de 100 hectáreas, o que fai dela a plantación de albariño máis grande dun só propietario nas Rías Baixas.

Pola súa banda, Regina Viarum convértese na primera adega da D.O. Ribeira Sacra que conta co distintivo de Galicia Calidade. Recoñécese deste xeito a calidade dos viños dunha adega que incorpora nas súas instalacións con mellores equipamentos enológicos para a elaboración dos mesmos. 
Por último, Bodegas Pazo de Villarei, da D.O. Rías Baixas, sitúase nas ribeiras do Umia, potenciando a súa cor e frescura ao utilizar para a súa elaboración a crianza sobre lias finas, proceso que enriquece os aromas da uva, asegurando unha expresión exclusiva. 

Redes sociais

Multimedia