Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE PATROCINA A XVIII EDICIÓN DA SEMANA EUROPEA DA CALIDADE
06/11/2012.

GALICIA CALIDADE PATROCINA A XVIII EDICIÓN DA SEMANA EUROPEA DA CALIDADE

A empresa amparada pola marca de garantía Hijos de Rivera recibirá o premio "líder en calidade" pola súa aposta polo medio ambiente

Con motivo da XVIII Semana Europea da Calidade que se celebra baixo o lema “Xuntos chegamos”, Expourense organiza un ano máis un acto central en Galicia que terá lugar o Día Europeo da Calidade, o xoves 8 de novembro. Esta Xornada estará centrada na importancia da transformación das empresas e dos traballadores como paso fundamental para facer fronte ó contexto empresarial actual. Con esta actividade, Expourense súmase a serie de actos organizados a nivel estatal con motivo desta Semana Europea, sendo o único celebrado en Galicia.

Esta  Xornada foi presentada esta mañá polo director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, e polo xerente de Galicia Calidade, Carlos Vila, que indicaron que esta actividade ten como obxectivo axudar a sensibilizar ás empresas sobre as vantaxes de implantar modelos de xestión baseados na calidade e no respecto ó Medio Ambiente. Trátase de difundir este concepto como unha filosofía que convén aplicar a todas as áreas da actividade empresarial e nas relacións con provedores, colaboradores e cliente final. A calidade convértese nun elemento fundamental en todo negocio e traballar baixo os seus parámetros prepara á empresa para enfrontarse a un mercado cada vez máis amplo, ó mesmo tempo que reforza a competitividade, reduce custos e consegue unha maior implicación empresarial dos traballadores.

A Xornada de Exaltación da Calidade está patrocinada por Galicia Calidade, un selo de garantía que conta xa con 46 empresas asociadas e máis de 200 produtos amparados que, ademais de certificar a súa calidade e a súa orixe, ofrecéndelle ó consumidor innovación e diferenciación coa competencia.

II Premios Líderes en Calidade

Por segundo ano consecutivo e coincidindo con esta Xornada de Exaltación da Calidade, Expourense, co patrocinio de Galicia Calidade, quere recoñecer a traxectoria de cinco empresas pertencentes a sectores que preocupan ó cidadán como a Alimentación, a Sanidade, a Educación ou o Medioambiente, pero tamén ó empresario como é a Internacionalización nun momento no que contar con modelos de xestión convértese nun requisito case imprescindible á hora de exportar o produto. Todas as empresas seleccionadas son líderes nos seus sectores, contan con sistemas de xestión e destacan polo seu compromiso coa Calidade e co Medio Ambiente.

As empresas seleccionadas expoñerán a súa experiencia en calidade nesta xornada serán:

- Sector Agroalimentario: Lugar Daveiga S.L. (Chantada).

- Sector Sociosanitario: Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

- Educación: Colexio de Santa Teresa de Jesús - Carmelitas de Ourense.

- Aposta polo Medio Ambiente: Hijos de Rivera (A Coruña).

- Aposta pola Internacionalización: Serviguide (A Coruña).

 

Coaching e PNL

 Esta Xornada de Exaltación da Calidade comezará coa conferencia do director de Coaching Corporation, Hernán Cerna, empresa líder en formación e servizos neste eido a nivel nacional. A súa intervención leva por título “Coaching de Equipos, unha resposta para afrontar os retos da actualidade” e ten como obxectivo dirixir, instruír e entrenar a un grupo de traballadores para conseguir determinadas metas ou para desenvolver as súas habilidades específicas e potenciar os seus talentos.

 Hernán Cerna é un recoñecido formador e conferenciante internacional. Dentro das súas áreas de desenvolvemento destaca a creación de modelos “de Liderado por Valores” en materias de liderado, coaching e xestión do talento. Ten impartido as súas ensinanzas en máis de 14 países. Master Certified Coach (MCC) pola International Coach Federation (ICF), conta con máis de 6.000 horas de experiencia en coaching, sendo un dos 7 MCC existentes en España na actualidade. Entre os seus clientes atópanse empresas como Coca-Cola, Porsche, Codorniu, Mercedes Benz, Adidas, BMW, Concello de Tarragona, American Express, BBVA, ou Hewlett Packard, entre moitas outras.

Esta conferencia tamén abordará o termo PNL, siglas de Programación Neurolingüística, definida como “a ciencia que estuda a excelencia humana” e que fai referencia á utilización da comprensión do funcionamento da mente humana para acadar o máximo potencial posible, xa sexa na área das emocións, as relacións, o deporte, ou nos negocios, que será o eido sobre o que versará esta charla. 

Redes sociais

Multimedia