Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE PATROCINA O EQUIPO CICLISTA XACOBEO GALICIA
26/08/2009.

GALICIA CALIDADE PATROCINA O EQUIPO CICLISTA XACOBEO GALICIA

A directora xeral de Comercio e presidenta de Galicia Calidade, Nava Castro, participou no acto de presentación que tivo lugar onte

Galicia Calidade será durante a tempada 2009-2010 o patrocinador do equipo ciclista galego Xacobeo Galicia. O equipo dirixido por Álvaro Pino presentou onte ao público o novo maillot que lucirán na vindeira Volta a España, que xa incorpora o logotipo da marca de garantía.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete desexoulles a “máxima sorte do mundo” aos compoñentes do Xacobeo Galicia na despedida que lles deu con motivo da súa participación na Volta Ciclista a España, que o sábado comeza na cidade holandesa de Assen, cun prólogo no seu lexendario circuíto de motociclismo.

José Ramón Lete saudou, un a un, aos nove corredores do Xacobeo Galicia que participarán na Volta, así como aos directores, encabezados por Álvaro Pino, que foi o encargado de presentarlle aos integrantes dun equipo que quere volver ser protagonista na rolda española. Tamén estiveron presentes no acto, en representación dos patrocinadores, o director xerente do Xacobeo, Ignacio Santos, e a presidenta de Galicia Calidade e directora xeral de Comercio, Nava Castro.

O Xacobeo Galicia parte cara a Holanda coa ilusión de conseguir algunha vitoria de etapa como fixo David García Dapena, en 2008, e subir ao podio final con Ezequiel Mosquera, que se atopa nun bo estado de forma como deixou patente na recente a Volta a Burgos cando conquistou o triunfo na Lagoa de Neila.

Ezequiel Mosquera, David García, Gustavo César Veloso, Gustavo Domínguez, Serafín Martínez, Gonzalo Rabuñal, David Ferreiro, Alberto Fernández e Eduard Vorganov forman o ‘nove' que presentará o Xacobeo Galicia, sobre o que o secretario xeral para o Deporte augurou que nos dará “moitas alegrías” a partir do sábado.

A expedición galega partiu hoxe en avión cara a terras holandesas, aínda que onte xa partiron o camión, o autobús e os coches que utilizará a escuadra nunha Volta que preparou coidando os máis mínimos detalles

Durante as últimas semanas, os nove ciclistas que estarán ás ordes de Álvaro Pino estiveron concentrados en Pena Trevinca co obxectivo de afinar a posta a punto cara ao seu gran reto da tempada.

Redes sociais

Multimedia