Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE PATROCINA O PLAN GALICIA SAUDABLE
16/05/2012.

GALICIA CALIDADE PATROCINA O PLAN GALICIA SAUDABLE

A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, é unha das entidades patrocinadoras do Plan Galicia Saudable, un proxecto impulsado pola Xunta de Galicia co obxectivo de combatir o sedentarismo na comunidade.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu onte na Cidade da Cultura o acto de presentación e sinatura da Declaración de Galicia Saudable, un texto que reflicte “os compromisos de todos para unha mellora das condicións de todos, dos nosos mozos e dos nosos maiores”. Este acto certificou a adhesión de concellos, deputacións, universidades, asociacións ou empresas aos  principios do Plan, cun desafío concreto: “conseguir que a maioría dos galegos realicen cada día polo menos 30 minutos de actividade física moderada, de acordo coas recomendacións da OMS”, indicou.

A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, é unha das entidades participantes no Plan Galicia Saudable, un proxecto que busca promover o deporte en Galicia, co obxectivo de combater o sedentarismo na comunidade e alcanzar unha mellor saúde. Tamén as empresas asociadas a Galicia Calidade, Coren e Hijos de Rivera, figuran entre as entidades  que apoian o plan.

O responsable do Goberno galego avanzou que a finais deste ano “máis do 50 por cento da poboación estará dentro do ámbito de actuación e comprometida co Plan Galicia Saudable”. Dende a Xunta este ano búscase “un salto cuantitativo e cualitativo” xa que, advertiu, as cifras son “contundentes e alarmantes” . Núñez Feijóo sinalou  que os galegos somos “os españois que vivimos máis anos cun peor estado de saúde” pero, ademais, “unha cuarta parte da poboación galega de entre os 2 e os 17 anos ten sobrepeso ou obesidade”.

“Unha cidadanía marcada polas enfermidades crónicas non transmisibles acaba precisando atención sanitaria”, dixo o xefe do Executivo autonómico, e neste marco se puxo en marcha hai dous anos o Plan Galicia Saudable. Impulsado polo Presidente da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte, co respaldo científico e técnico dos principais expertos do mundo da actividade física, “necesita de continuidade desde deputacións e concellos, e desde empresas e asociacións”.

O titular da Xunta explicou que, unha vez postas as bases “en forma de instalacións para a práctica de actividades físicas”, toca agora o máis difícil “a promoción entre a cidadanía de novos hábitos saudables, dun estilo de vida máis activo”.

Poden consultar máis información do Plan Galicia Saudable nesta web.

Redes sociais

Multimedia