Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE PRESENTA A NOVA EDICIÓN DO ANUARIO CREATIVIDADE GALEGA
15/02/2008.

GALICIA CALIDADE PRESENTA A NOVA EDICIÓN DO ANUARIO CREATIVIDADE GALEGA

A publicación recolle os traballos máis importantes de máis de setenta axencias e Escolas de Deseño galegas ao longo do ano 2006.

O xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao, presentou hoxe en Compostela a segunda edición do anuario Creatividade Galega. Esta publicación recolle o traballo desenvolvido ao longo do ano 2006 por máis de 70 das mellores axencias de publicidade galegas así como das Escolas de Deseño. No acto, ao que asistiron representantes das empresas participantes no anuario, estiveron presentes tamén os seus autores, os investigadores da Universidade de Vigo Eva Quintas, Chechu Pérez e Alberto Dafonte.

Segundo indicou Xabier Ignacio Louzao, esta publicación nace coa idea de dar visibilidade ás creadoras e aos creadores galegos nun momento no que o seu traballo está sendo recoñecido tanto no noso país como no Estado. O xerente de Galicia Calidade, entidade responsábel da edición de Creatividade Galega, destacou a importancia de iniciativas coma esta que potencian o produto e aos creadores galegos.

Ademais, sinalou, nunha época de globalización e internacionalización é preciso reforzar e reafirmar os nosos valores como país, a imaxe de marca de Galiza. Dende a Consellaría de Innovación e Industria, estase a apostar porque as empresas e produtos galegos se proxecten máis aló das nosas fronteiras apoiadas polo selo que lle confire o feito de seren realizados en Galiza.

Louzao quixo tamén resaltar o momento especial que viven a creatividade e a innovación, converténdose na actualidade en forzas impulsoras da nosa economía e sociedade. Ao seu xuízo, no mundo globalizado o futuro apoiase na capacidade de crear e tamén na de crear identidade propia. Polo tanto, as sociedades necesitan consolidar o seu capital creativo, resumiu.

Xa para rematar, o máximo responsábel de Galicia Calidade apostou por afianzar esta publicación como unha plataforma onde as axencias galegas exhiban a súa potencia creativa. Nesta segunda edición, concluíu, Creatividade Galega conta cun maior número de empresas que a edición anterior o cal consolida o seu papel de cara aos vindeiros anos.

Redes sociais

Multimedia