Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE PROMOCIONA DURANTE O VERÁN OS PRODUTOS AMPARADOS EN 178 ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS DE GALICIA
19/07/2012.

GALICIA CALIDADE PROMOCIONA DURANTE O VERÁN OS PRODUTOS AMPARADOS EN 178 ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS DE GALICIA

A campaña busca potenciar a relevancia da marca e concienciar aos compradores da garantía e confianza que confire o selo de calidade aos produtos e servizos Galicia Calidade entregará un agasallo promocional aos consumidores que merquen produtos co distintivo, e entrarán no sorteo de 4 fines de semana no Hotel Louxo La Toja

A Consellería de Economía e Industria continúa co seu labor de promoción da marca de garantía Galicia Calidade. Así, durante este verán, a sociedade pública estará presente en 178 establecementos comerciais de toda Galicia para dar a coñecer os produtos e servizos que contan co seu distintivo. A iniciativa desenvolverase en supermercados e hipermercados  pertencentes ás cadeas de distribución de Alcampo, Carrefour, El Corte Inglés, Froiz, Gadis e Vegalsa-Eroski.

Galicia Calidade entregará un agasallo promocional a cada consumidor que merque tres ou máis produtos certificados polo selo de garantía. Estes, ademais, pasarán a participar nun sorteo que se realizará ao finalizar a campaña e que ten como premio 4 estancias de fin de semana para 2 persoas con programa talaso de 2 días no Talaso Hotel Louxo La Toja, establecemento hoteleiro amparado pola marca de garantía de Galicia.

Xa antes da entrada no establecemento, os consumidores recibirán unha explicación sobre o selo de garantía Galicia Calidade e un folleto informativo coas marcas con algún produto ou servizo certificado. Os produtos que contan co distintivo de garantía aparecerán destacados dentro dos establecementos, mellorando a súa visibilización nos lineais, para facer máis doado a súa compra.

Apoio ás empresas amparadas e difusión da marca
Con esta iniciativa, Galicia Calidade busca potenciar a relevancia da marca de garantía, tanto entre os consumidores galegos como entre todos aqueles que se achegan á nosa comunidade durante o verán, e conciencialos da garantía e confianza que aporta o seu distintivo.  

Por outra banda, continúa así coas súas accións de apoio das empresas asociadas, neste caso no punto de venta, o lugar idóneo para achegarse ao comprador e fomentar o consumo  dos produtos que contan co valor diferencial do selo de calidade diferenciada.

Galicia Calidade leva desenvolvendo nos últimos anos campañas de promoción do selo de garantía así como dos produtos amparados en cadeas de distribución. O pasado verán e durante  Nadal a marca levou a cabo accións similares que posibilitaron o contacto con máis de 75.000 consumidores, que coñeceron de primeira man o que significa que un produto conte co distintivo de calidade.

Redes sociais

Multimedia