Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE PROMOCIONA NA FEIRA NACIONAL DO VIÑO FENAVIN OS VIÑOS DAS NOVE ADEGAS QUE CONTAN CO SELO DE GARANTÍA
07/05/2013.

GALICIA CALIDADE PROMOCIONA NA FEIRA NACIONAL DO VIÑO FENAVIN OS VIÑOS DAS NOVE ADEGAS QUE CONTAN CO SELO DE GARANTÍA

A sociedade dependente de Economía e Industria contará cun espazo propio na mostra referente do sector, que terá lugar do 7 ao 9 de maio en Ciudad Real

A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, estará presente na Feira Nacional do Viño (Fenavin) que se celebrará entre o 7 e o 9 de maio na cidade manchega de Ciudad Real. No evento, que se ten convertido na feira referente do sector vinícola dentro de España, a sociedade pública promocionará os produtos das 9 adegas amparadas, que poderán amosar aos asistentes a calidade dos seus preto de 50 viños, moitos deles premiados nos últimos concursos de cata tanto a nivel nacional como internacional.

O stand de Galicia Calidade contará con representación das cinco Denominacións de Orixe. En concreto, Adega dos Eidos, Adegas Tollodouro, Bodegas Pazo de Villarei, Castro Baroña e Vilarvín pertencen á D.O. Rías Baixas. Bodegas Ruchel atópase dentro da D.O. de Valdeorras; Bodegas Nairoa fai o propio na D.O. do Ribeiro; Gargalo atópase na D.O. Monterrei e, por último, a recentemente incorporada ao selo Galicia Calidade Regina Viarum, que se converteu na primeira adega da D.O. Ribeira Sacra en contar co distintivo de garantía autonómico.

Este selo ampara na actualidade a máis de 250 produtos e servizos de 48 empresas que contan cunha calidade avalada polos controis e auditorías realizados.

Feira referente no sector vinícola
Fenavin, que cumpre este ano a súa sétima edición, está dirixida a favorecer a interacción entre produtores e distribuidores con compradores, tanto nacionais coma internacionais. Na pasada edición, máis de 1.100 adegas estiveron presentes no evento, cubrindo case a totalidade das Denominacións de Orixe de España.

O ano pasado, os compradores superaron a cifra de 10.000, segundo datos da propia organización, procedentes de máis de 60 países, o que a converten na referencia dentro do seu sector. Ao longo dos tres días, as adegas presentes terán á súa disposición diversas accións para promocionar o seu produtos diante dos compradores, tanto en reunións individuais como en catas, degustacións ou maridaxes. 

Redes sociais

Multimedia