Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE PROMOCIONA NO V SALÓN VINIS TERRAE DE OURENSE OS PRODUTOS AMPARADOS POLO SELO DE GARANTÍA
27/05/2013.

GALICIA CALIDADE PROMOCIONA NO V SALÓN VINIS TERRAE DE OURENSE OS PRODUTOS AMPARADOS POLO SELO DE GARANTÍA

Os viños das 9 adegas que contan coa marca estarán presentes no Tunel do Viño

Galicia Calidade está presente unha vez máis no Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade de Ourense Vinis Terrae, que se celebra hoxe e mañá no recinto feiral Expourense. Así, os asistentes ao evento poderán coñecer os viños das nove adegas amparadas na actualidade polo selo de calidade. O evento foi inaugurado hoxe polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

En concreto trátase de Adega dos Eidos, Bodegas Nairoa, Adegas Tollodouro, Bodegas Ruchel, Gargalo, Bodegas Pazos de Villarei, Regina Viarum, Vilarvín e Castro Baroña. Con esta, o Salón de Viños e Licores de Calidade de Ourense cumpre a súa quinta edición, apostando firmemente pola profesionalización da feira e polo seu carácter netamente exportador.

Por unha banda, os caldos das nove adegas amparadas estarán presentes no Túnel do viño, onde os asistentes poderán degustar os produtos de todas as empresas expositoras e onde os viños que contan co selo “Galicia Calidade” terán un lugar reseñado. Por outro lado, da man do organización do evento, os asistentes tamén poderán gozar, na zona de degustación, dunha selección dos produtos alimentarios amparados pola marca de garantía. Desde os queixos, pasando polas conservas, os produtos de panadería ou os lácteos, entre outros, así como os licores amparados pola empresa Customdrinks, do grupo Hijos de Rivera, e que comercializados coa marca “QUENZA”.

Carácter exportador
O perfil do expositor de Vinis Terrae vai desde as adegas, as cooperativas ou mesmo as embotelladoras de licores ou oruxos con denominacións de calidade. O perfil do visitante deste salón, dado o seu carácter profesional, son os importadores e distribuidores, tanto nacionais como internacionais, de máis de 15 países así como a prensa especializada, que desexe coñecer os mellores viños galegos de calidade.

A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade está a apostar decididamente pola calidade dos produtos galegos, e en concreto, polo sector agroalimentario. Hai que reseñar que boa parte dos produtos amparados, máis do 90%, pertence a este sector. Na actualidade a marca de garantía conta con máis de 250 produtos amparados dun total de 48 empresas. 

Redes sociais

Multimedia