Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE PROMOCIONA O SEU SELO EN BRASIL
05/09/2011.

GALICIA CALIDADE PROMOCIONA O SEU SELO EN BRASIL

A marca de garantía acompañou nunha misión comercial a dúas empresas amparadas, Luís Escurís Batalla e Gargalo

A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, viaxou a Brasil acompañando a dúas empresas galegas, amparadas pola marca de garantía, como son Luís Escurís Batalla e Gargalo. Con esta iniciativa, o goberno galego mostra o apoio unha vez máis ao empresariado galego nos seus obxectivos de internacionalización e na apertura de novos mercados, neste caso o suramericano.

O director-xerente da sociedade pública, Carlos Vila, mantivo reunións no país carioca cos máximos responsables dos departamentos de Agricultura, Pesca e outras institucións de renome, co afán de abrir novas vías de comercialización ás empresas amparadas polo selo de garantía. Os representantes brasileiros destacaron a confianza que supón para os produtos galegos o feito de contar co apoio e a garantía da Xunta de Galicia, como un aval indiscutible para comercializarse no país suramericano.

Xunto co director-xerente de Galicia Calidade estiveron presentes na visita os máximos responsables das empresas Luís Escurís Batalla, Gargalo e Actemsa. As dúas primeiras contan na actualidade con produtos amparados polo selo autonómico, mentres que a terceira, Actemsa, atópase en proceso de certificación dos seus produtos conserveiros.

Acordos comerciais
O obxectivo desta viaxe foi o de dar a coñecer os produtos das empresas asociadas no país brasileiro, mediante degustacións dos mesmos, e tamén para ver o funcionamento das cadeas de distribución máis importantes do país como Pau de azucar. Nesta misión comercial asináronse dous acordos comerciais que poden ser moi importantes para a trintena de empresas do sector agroalimentario que contan na actualidade con produtos amparados.

Por unha banda asinouse un acordo comercial coa empresa LAD (Latin American Distribution) para introducir os produtos galegos, nomeadamente os amparados polo selo de garantía, no país suramericano. Con este convenio esta multinacional americana distribuirá os produtos nos restaurantes, bares, empresas de catering e tendas especializadas delicatesen de todo o país.

Así mesmo, tamén se chegou a un acordo coa empresa de distribución máis importante de Brasil, como é Pau de Azuçar, que conta con máis de 1500 establecementos en todo o país para a comercialización dos produtos das empresas Luís Escurís Batalla, Gargalo e Actemsa nos seus locais comerciais.

Degustacións de produtos
No cinco días que durou a visita a Brasil, realizáronse degustacións de produtos entre máis de 150 compradores e importadores cariocas que puideron comprobar de primeira man a calidade dos produtos certificados polo selo de garantía. Ademais da categoría e a excepcionalidade dos produtos os asistentes valoraron moi positivamente o aval que supón contar cun selo de garantía apoiado pola Xunta de Galicia.

Nestas degustacións solicitábase aos asistenes que completasen unha enquisa de satisfacción onde máis do 90% indicou que de 1 a 5, de menor a maior satisfacción, vían estes produtos como idóneos para introducir en Brasil e ademais dáballe unha valoración de entre 4 e 5. En lestes actos culinarios e de degustación, a multinacional Pau de Azuçae contou coa presenza dos seus dous vicepresidentes ademais dunha vintena de responsables de área.

Posta en marcha
Nestes momentos, as bases para o acordo comercial e a apertura dunha nova canle de distribución para as empresas asociadas a Galicia Calidade quedaron establecidas á espera de comprobar o funcionamento práctico do mesmo. No que resta do 2011 poderase dilucidar o éxito desta misión comercial que se espera sexa moi produtiva para o tres empresas asistentes na mesma, así como para as demais asociadas ao selo de garantía e que contarán coas mesmas facilidades para introducir os seus produtos no país suramericano.

Con iniciativas como esta, Galicia Calidade traballa día a día para achegar ás empresas asociadas un plus á hora de competir e de situarse nos mercados nacionais e internacionais. Como se puido constatar nesta misión comercial, os importadores internacionais, neste caso brasileiros, valoran en gran medida o certificado de garantía autonómico outorgándolles aos produtos a confianza e a garantía de contar co aval da Xunta de Galicia.

Redes sociais

Multimedia