Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE PROMOCIONA OS PRODUTOS DA MARCA A TRAVÉS DE CEAS DEGUSTACIÓN NOS FOGARES GALEGOS
05/04/2013.

GALICIA CALIDADE PROMOCIONA OS PRODUTOS DA MARCA A TRAVÉS DE CEAS DEGUSTACIÓN NOS FOGARES GALEGOS

Dúas “Experiencias Galicia Calidade”, correspondentes aos gañadores do mes de marzo, terán lugar esta fin de semana

A Consellería de Economía e Industria, a través da sociedade pública Galicia Calidade, promocionará os produtos e servizos amparados pola marca de garantía nos fogares galegos esta fin de semana. A través da iniciativa “Experiencias Galicia Calidade”, posta en marcha no ano 2012, sortéanse dúas ceas ao mes para os dous gañadores e as cinco persoas que elixan, no seu domicilio, elaboradas pola coñecida chef Marian Rodríguez, e elaboradas exclusivamente con produtos amparados polo selo de garantía.

A través dun concurso nas redes sociais, os seguidores de Galicia Calidade en Facebook contestan a unha sinxela pregunta sobre algún aspecto da sociedade pública ou das empresas amparadas, e participan no sorteo de dúas ceas mensuais. Concretamente, os gañadores do mes de marzo poderán gozar do seu agasallo o vindeiro venres e sábado, 5 e 6 de abril, que se celebrarán en Santiago de Compostela e Pontevedra respectivamente.

Dentro desta iniciativa, ponse a disposición dos gañadores catro menús distintos, todos elaborados con produtos certificados. A recoñecida chef Marian Rodríguez desprázase ao domicilio dos gañadores, despois de adquirir os produtos necesarios para a elaboración da cea e prepara unha experiencia Galicia Calidade para os asistentes.

Promoción das empresas amparadas
Ademais, os asistentes á cea tamén reciben agasallos por partes das empresas amparadas pola marca de garantía, que aproveitan a ocasión para promocionar os seus produtos e servizos baixo o amparo de Galicia Calidade, como visitas á Adega dos Eidos, circuítos no Hotel Talaso Louxo La Toja ou unha estupenda comida en Casa Brandariz, en Arzúa, entre outros.

“Experiencias Galicia Calidade” naceu no ano 2012 para dar a coñecer aos consumidores a calidade dos produtos e servizos amparados recibindo nas casas un chef profesional que prepara unha cea para o gañador e cinco persoas máis.

Na actualidade Galicia Calidade conta cun total de 49 empresas e máis de 250 produtos e servizos amparados, onde o sector agroalimentario supón máis dun 90%. Para consultar máis información sobre as empresas amparadas poden visitar a web www.galiciacalidade.es. 

Redes sociais

Multimedia