Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE RECIBE A UNHA DELEGACIÓN CONVIDADA DA REXIÓN BRASILEIRA DE RIO DO SUL
27/01/2012.

GALICIA CALIDADE RECIBE A UNHA DELEGACIÓN CONVIDADA DA REXIÓN BRASILEIRA DE RIO DO SUL

O xerente da sociedade pública explicou aos asistentes o proceso de creación da marca de garantía e os beneficios que supón para unha empresa contar co distintivo

O xerente de Galicia Calidade, Carlos Vila, recibiu onte a unha delegación convidada da rexión brasileira de Río do Sul, que nos últimos días visitou Galicia para coñecer os seus sistemas produtivos. Entre os asistentes, destaca a presencia do Secretario de Agricultura desta rexión do Brasil e deputado estatal, Luiz Fernando Mainardi, entre outras autoridades e representantes de cámaras de comercio, asociacións de productores.

Vila explicou aos asistentes o proceso de creación da marca de garantía a partir da campaña publicitaria do 1991 realizada pola Xunta de Galicia. Ademais tamén enumerou todo o proceso de consolidación da marca como a máis recoñecida a nivel estatal e os beneficios que supón para as empresas contar co distintivo de garantía.

Pola súa banda, os convidados á recepción aproveitaron a ocasión para coñecer de primeira man o que suporía para a súa rexión, Río do Sul, a creación dun distintivo de homólogo a Galicia Calidade que certifique os produtos e que garanta ao consumidor a súa procedencia unida a unha calidade superior á súa competencia.

O xerente de Galicia Calidade destacou o interese suscitado entre as empresas o feito de poder contar co aval que supón o selo de garantía Galicia Calidade e o incremento de solicitudes de información recibidas nos últimos anos. Ademais tamén fixo fincapé na boa percepción que o consumidor ten sobre os produtos e servizos amparados, feito que se demostra nos continuos estudos de posicionamento realizados dende a Sociedade Pública dependente da Consellería de Economía e Industria.

No referente á promoción, Vila tamén lembrou aos asistentes a recente misión comercial realizada por Galicia Calidade e algunha das empresas asocidadas en Brasil, onde realizaron degustacións e negociacións cos distribuidores máis importantes do país sudamericano para a comercialización dos produtos amparados, como Pau de Azúcar. 

Redes sociais

Multimedia