Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GALICIA CALIDADE REÚNESE CON REPRESENTANTES DA DENOMINACIÓN DE ORIXE VALDEORRAS
19/12/2007.

GALICIA CALIDADE REÚNESE CON REPRESENTANTES DA DENOMINACIÓN DE ORIXE VALDEORRAS

O director xerente Ignacio Louzao presentou ás adegas participantes os requisitos e procedementos para a concesión da marca de garantía, así como as accións previstas para o futuro

O director xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao, mantivo unha xuntanza esta tarde co Consello Regulador así como cos adegueiros da Denominación de Orixe Valdeorras. A xuntanza, que tivo lugar en Vilamartín de Valdeorras, na sede do Consello Regulador desta D.O., estivo marcada polo seu carácter informativo e polo interese que mostraron os adegueiros.

O obxectivo deste encontro foi a posta en común das posturas sobre a adhesión como licenciatarias da marca de garantía Galicia Calidade ás adegas deste Consello Regulador. O xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao, expuxo aos adegueiros participantes os requisitos e procedementos para a concesión da marca de garantía, así como as accións previstas para o futuro.

Nos últimos meses, Galicia Calidade estase a reunir coas Denominacións de Orixe vitícolas galegas para informar sobre as vantaxes e condicións para a súa adhesión á esta marca de garantía. Recentemente, o director xerente reuniuse coa D.O. Monterrei e nas próximas datas están previstas outras xuntanzas con distintos adegueiros de Consellos Reguladores.

Unha das cinco D.O de Galicia
A Denominación de Orixe Valdeorras é unha das cinco D.O. existentes en Galicia. Nacida no ano 1957, conta como viños máis característicos os monovarietais da casta Godello en brancos e Mencía en tintos. A súa produción no ano 2006 ascendeu a máis de 3.000.000 de litros de viño e máis de 15.000.000 de euros. A zona amparada pola produción de viño con Denominación de Orixe Valdeorras localízase no nordeste da provincia de Ourense abarcando os términos municipais de O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras

Redes sociais

Multimedia