Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GARGALO, NAIROA E QUENZA PREMIADAS NA XXIV CATA DE VIÑOS DE GALICIA E NA I CATA DOS LICORES TRADICIONAIS
12/07/2012.

GARGALO, NAIROA E QUENZA PREMIADAS NA XXIV CATA DE VIÑOS DE GALICIA E NA I CATA DOS LICORES TRADICIONAIS

Santiago de Compostela acolleu onte a entrega de premios, na que recibiron o galardón as tres empresas amparadas por Galicia Calidade, nun acto presidido polo titular do Goberno Galego, Alberto Núñez Feijóo.

As adegas amparadas por Galicia Calidade, Nairoa e Gargalo, e a empresa Customdrinks foron premiadas onte na XXIV Edición da Cata de Viños de Galicia, XIV Edición da Cata dos Augardentes de Galicia e I dos Licores Tradicionais. Gargalo Godello de Gargalo SL recibiu o 1º Premio e Acio de Ouro na categoría dos viños da D.O. Monterrei; Alberte de Bodegas Nairoa recibiu o 2º Premio e Acio de Prata na categoría de viños da D.O. Ribeiro e Quenza de Customdrinks SL recibiu o 1º Premio e Pote de Ouro na categoría da I.X. Licor Café.

O acto, que se celebrou no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, foi presidido polo máximo responsable do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, acompañado pola conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.

Innovación e internacionalización

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, situou a aposta do sector vitivinícola galego pola innovación e pola apertura de novos mercados como exemplo “do que o tecido produtivo galego en xeral pode e debe tomar boa nota”. Durante o acto, o mandatario galego lembrou que a viticultura vai máis alá do propio sector agrogandeiro para pasar a ser un motor “industrial e turístico” de moitas zonas de Galicia.

“Hoxe podemos falar do viño en Galicia como un dos nosos máis prezados produtos; un exemplo que ensinar ao mundo ao respecto de cómo en Galicia sabemos facer ben as cousas”, aseverou Feijóo. Lembrou que o viño representa “fielmente” as esencias do cambio da sociedade galega no último cuarto de século, un cambio, dixo, que pasa por recoñecer “que non basta con ter un bo produto, senón que, para poder competir, hai que facer que ese produto sexa excelente e hai que dalo a coñecer, e hai que non conformarse con venderllo soamente ao veciño do lado”. “Logo de 24 edicións, este acto é unha cita obrigada para facer un balance do mellor de cada colleita, pero tamén para ensinar a todo o mundo as calidades dun produto, o viño, que xa está consolidado como un dos referentes da cultura, da gastronomía e da paisaxe dos galegos”, incidiu.

Na súa intervención, o presidente da Xunta lembrou que os viños galegos están entre os mellor valorados polos mellores expertos do mundo e que en Galicia se produciron en 2011 un total de 333.000 hectolitros de viño cualificado, cun valor económico estimado que superou os 145 millóns de euros. “24 anos despois, esa é a realidade do viño en Galicia”, aseverou, e é así, engadiu, “grazas ao traballo de mellora do produto desenvolvido intelixentemente polos adegueiros e dun intenso esforzo de promoción e comercialización”. Destacou, ademais, o traballo “exemplar” na recuperación e conservación de variedades, na mellora da calidade e das técnicas de produción e comercialización que se ten feito nos últimos decenios.

“Fagamos caso á verdade dos viños galegos”, aconsellou Feijóo, lembrando o proverbio latino que di ‘que a verdade está no viño’; “Unha verdade –abondou-, que nos di que son uns viños que melloran cada ano; uns viños cun potencial enorme para seguir contribuíndo ao desenvolvemento de moitas zonas de Galicia; uns viños que, en definitiva, nos mostran o camiño para configurarnos como un país con máis oportunidades para todos sen renunciar aos nosos valores nin ás nosas raíces; uns valores que, sen dúbida, os membros do xurado souberon valorar nos viños distinguidos este ano, aos que quero expresar a miña máis sincera felicitación e o meu ánimo para seguir ano a ano”, concluíu.  

Na presente edición da degustación vinícola participaron 187 caldos de 130 adegas diferentes, entre as que se inclúen mostras das cinco denominacións de orixe galegas. Paralelamente, foron obxecto de proba un total de once orujos, sete licores café e once licores de herbas.

Redes sociais

Multimedia