Inicio / NOVAS / Notas de prensa / GÓMEZ NOYA CONQUISTA A PRIMEIRA PROBA DA COPA DO MUNDO DE TRIATLÓN EN AUSTRALIA
31/03/2008.

GÓMEZ NOYA CONQUISTA A PRIMEIRA PROBA DA COPA DO MUNDO DE TRIATLÓN EN AUSTRALIA

O atleta, patrocinado por Galicia Calidade, tentará acadar este trofeo por terceira vez na súa traxectoria deportiva.

O atleta ferrolán Javier Gómez Noya comezou de noraboa o ano olímpico coa vitoria na primeira proba da Copa do Mundo de Triatlón, disputada onte na localidade australiana de Mooloolaba. O deportista, que goza do patrocinio de Galicia Calidade, non se baixou do podio nas últimas dezaseis probas e tentará acadar este trofeo por terceira vez na súa traxectoria deportiva.

Co número un nas costas como actual campión, o triatleta galego volveu dar mostras da súa superioridade e sementou un pouco máis de ilusión na afección de cara á conquista da medalla de ouro nos vindeiros Xogos Olímpicos de Pekín, que se disputarán no mes de agosto. A súa superioridade nos 10.000 metros a pé fixo que recuperara a desvantaxe coa que partía tras a proba de natación, da que saíu en 24ª posición e da traxectoria en bicicleta onde se viu involucrado nunha caída que lle fixo perder máis tempo.

Pero a calidade do ferrolán quedou patente nos 24 segundos que foi quen de distanciar ao segundo clasificado da proba, o australiano Brad Kahlefeldt, e en 34 segundos ao terceiro, o británico Tim Dom. Segundo afirma Gómez Noya, a súa actuación na proba a nado "foi horrible" o que fixo que perdera 32 segundos na mesma.

Durante a última das probas, os 10.000 metros a pé, o triatleta galego atacou aos seus compañeiros de fuga até que logrou marcharse en solitario e acadar a vitoria, feito que lle produciu unha enorme satisfacción, sobre todo tendo en conta que na pasada edición só puido ser segundo.

Redes sociais

Multimedia