Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Hijos de Rivera, empresa con selo Galicia Calidade e forte compromiso ambiental
06/05/2019.

Hijos de Rivera, empresa con selo Galicia Calidade e forte compromiso ambiental

O pasado día 6 de maio, Ignacio Rivera, conselleiro delegado de Hijos de Rivera, analizou os fitos máis relevantes de 2018 para a empresa no seu tradicional encontro cos medios. 

O encontro celebrouse en MEGA -Mundo Estrela Galicia- o centro expositivo que se inaugurará o mes que vén e que aspira a ser un dos atractivos da cidade. 

Entre os principais fitos do pasado exercicio, Ignacio Rivera destacou que se superaron por primeira vez os 500 millóns de euros en facturación, alcanzándose os 507,7 millóns de euros. Isto supón un incremento dun 9% con respecto ao ano anterior. Ademais, a produción alcanzou 308,8 millóns de litros de cervexa, quizá a actividade máis recoñecida da compañía. 

O futuro desta empresa con selo de Galicia Calidade ten moi presente o compromiso ambiental e social. Segundo o estudo de impacto socio-económico elaborado pola consultora internacional KPMG, a compañía xera 46.512 empregos vinculados á súa actividade en toda España, ademais de empregar a 1.087 persoas de forma directa. Cabe destacar que o 85% deles teñen contrato indefinido. En Galicia, o 1,63% da poboación activa relaciónase dalgunha forma coa empresa. 


Mirando ao futuro: Eixos estratéxicos baseados no medio ambiente 

A compañía, fortemente vinculada á sustentabilidade, marcouse novos retos para os próximos anos, que contemplan a reutilización de residuos, a redución de consumos e o cambio dalgúns hábitos internos en prol do medio-ambiente. Por exemplo, propóñense conseguir reducir a súa pegada de carbono nun 30% a curto prazo. 

Hoxe en día, Hijos de Rivera elabora os seus produtos extraendo as súas materias primas de 23.000 hectáreas de cultivos sustentables, practica a reutilización dos subproductos da súa actividade e os seus produtos están libres de argolas de plástico ao 100%. 

Unha das iniciativas dentro do seu proxecto de compromiso social é o Mercado da Colleita, activo desde 2012. Este proxecto é unha aposta polo desenvolvemento socioeconómico sustentable e responsable. Outra proposta de compromiso é o proxecto Riverside, de fomento da arte e a creatividade, ou The Hop, en apoio dos mozos emprendedores con talento. Ademais, a compañía contribúe activamente á formación de estudantes de hostalería en todo o país e o 5% do seu persoal participa no equipo de voluntariado. 

Hijos de Rivera, presente en todo o mundo 

A compañía está formada por 24 empresas, e ten presenza en 7 países de 3 continentes. Durante 2018, a compañía realizou investimentos por valor de 100,1 millóns de euros. No últimos tres anos, investiuse un total de 236 millóns de euros. Baixo o paraugas desta empresa atopamos moitas outras marcas. Por exemplo, as súas marcas de auga mineral, Cabreiroá, Auga de Cuevas e Fontarel, envasaron durante o pasado exercicio 185 millóns de litros de auga, un 8% máis que durante 2017.


Redes sociais

Multimedia