Inicio / NOVAS / Notas de prensa / O presidente da Xunta inaugura as novas instalacións de Larsa en Lugo
02/07/2019.

O presidente da Xunta inaugura as novas instalacións de Larsa en Lugo

Esta mañá o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, visitou a factoría de  Larsa en Outeiro de Rei (Lugo) para inaugurar as súas novas instalacións. Na visita estivo acompañado polo director xeral de Capsa  Food, José Armando Tellado, xunto ao resto de autoridades e directivos da empresa. Entre as autoridades asistentes atopábase tamén Alfonso Cabaleiro, xerente de Galicia Calidade.

Froito do seu continuo compromiso cos galegos, Larsa continúa apostando por Galicia co obxectivo de seguir ofrecendo produtos de calidade. No últimos tres anos a compañía láctea investiu máis de 25 millóns de euros nas fábricas de Lugo e  Villagarcía de Arousa, dos cales 17 millóns correspóndense coa remodelación que inaugurou esta mañá o Presidente. 

Leite Galicia Calidade
Durante a visita á fábrica, Feijóo lembrou que para apoiar que o leite siga sendo sinónimo de Galicia Calidade, desde a Xunta impulsouse a marca Galega 100%, unha identificación que avala o leite galego de calidade diferenciada, suxeita a controis dos servizos veterinarios oficiais da Xunta e garantido pola certificación Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite, Ligal. Grazas a este distintivo, o consumidor conta coa seguridade de que está consumindo un produto de Galicia e dunha calidade excepcional, dixo, incidindo en que isto, unido á aposta por explotacións máis grandes e rendibles e por unha industria capaz de transformar o produto en Galicia, son claves para o futuro deste sector.

Feijóo concluíu facendo fincapé en que o sector lácteo é estratéxico para Galicia, producindo o 40% do leite de España e sendo a oitava rexión produtora da UE. Ademais de contar con máis de 7.000 gandeiros que facturan anualmente 800 millóns.

Marca fiel das tradicións galegas
Larsa caracterizouse sempre como unha marca fiel ás tradicións galegas. Naceu en Chantada (Lugo) en 1933 e nos seus 86 anos de existencia nunca esqueceu a innovación.

Foi a primeira marca en obter a certificación ‘Leite de pastoreo’ 100% galega, que é recollida en máis de 400 ganderías, reivindicando desta forma o valor da gandería tradicional e a súa sustentabilidade como máximo expoñente de respecto por estar integradas nunha contorna natural. 

O mellor produto para os consumidores
Larsa apostou pola saúde e a boa alimentación do consumidor baseándose na excelente calidade do Leite de Pastoreo e no respecto polos valores seguros da alimentación tradicional galega. O leite de  Larsa conta ademais co respaldo da marca de garantía de Galicia, Galicia Calidade.

Redes sociais

Multimedia