Inicio / NOVAS / Notas de prensa / INNOVACIÓN E INDUSTRIA DESENVOLVE UNHA NOVA CAMPAÑA PROMOCIONAL DE GALICIA CALIDADE QUE VISUALIZA A MARCA COMO A MELLOR ABANDEIRADA DA EXCELENCIA GALEGA
22/10/2008.

INNOVACIÓN E INDUSTRIA DESENVOLVE UNHA NOVA CAMPAÑA PROMOCIONAL DE GALICIA CALIDADE QUE VISUALIZA A MARCA COMO A MELLOR ABANDEIRADA DA EXCELENCIA GALEGA

Dende 2005 incrementáronse os produtos acollidos á marca nun 30%, ata os 105, e estanse a avaliar 20 novas solicitudes de adhesión

O conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, presentoulles esta mañá a nova campaña de promoción de Galicia Calidade ás empresas adheridas a esta marca de garantía. A campaña visualiza que Galicia Calidade certifica os mellores produtos e xoga coa idea de cousas que non se poden certificar como un amencer, un bico ou unha aperta. Así, co slogan “De haber un bico, unha aperta, un amencer Galicia Calidade, sería este” preténdese conxugar o lado emocional que, segundo dixo o conselleiro, sempre presidiu as campañas promocionais da sociedade, co seu labor certificador e profesional.

A partir da realidade de que en Galiza todo é de primeira calidade, dende a natureza, os amenceres ou os xestos, transmítese a idea de que, de poderen ser certificados, merecerían o selo de Galicia Calidade, que confire a distinción dos mellores produtos da nosa terra. Tamén se traslada a idea, segundo explicou Fernando Blanco no acto de presentación, de que este organismo é o abandeirado da calidade galega, que inspira confianza grazas ao control rigoroso dos produtos e servizos mediante auditorías e revisións de control, isto é, a través do proceso certificador. A campaña une, en definitiva, dende o nivel máis emocional e intanxible até o que máis real, os bens e servizos galegos de calidade.

A campaña promocional, dotada dun orzamento de 500.000 euros, estará presente en prensa, radio, televisión e a través de valados promocionais na rúa a partir do vindeiro luns 27 e durante todo o mes de novembro. Con ela preténdese que até o 95% dos galegos adultos teñan a oportunidade de ver o spot máis de 20 veces.

O conselleiro de Innovación e Industria dixo que a marca de Galicia Calidade conta xa cun bo posicionamento no Estado, sendo recoñecida por enriba doutros selos homólogos. Segundo explicou, este labor de promoción dentro e fóra de Galiza ten nas campañas promocionais un elemento fundamental para incidir directamente no consumidor e posibilitar o aumento da venda de produtos adheridos, algo de grande importancia, dixo, nas circunstancias actuais en que a crise provoca unha redución do consumo. A vía de diferenciar os produtos galegos e dotalos dun alto nivel de calidade é unha das claves para que sexan competitivas nos mercados e é fundamental, a xuízo do conselleiro, desenvolver a súa promoción dentro do Plano Estratéxico de Comunicación e Promoción da marca para os anos 2007-2011, que é o encadre no que se desenvolve a campaña presentada hoxe.

Fernando Blanco sinalou que dende o comezo o impulso ao selo de Galicia Calidade foi un obxectivo básico para a Consellaría de Innovación e Industria, que procura a consolidación dos seus produtos nos mercados tanto galegos coma internacionais así como a sensibilización dos consumidores e consumidoras sobre a importancia e valor que ten a calidade das producións galegas que ostentan o distintivo. Con isto, segundo explicou o conselleiro, estase a conseguir tamén que os sectores produtivos básicos do país teñan unha acaída promoción e poidan optar a unha fonte de recursos importante que axude a viabilizalos, tal e como a súa calidade intrínseca reclama.

Valor engadido
Galicia Calidade conta na actualidade cun total de 34 empresas que teñen amparados 105 produtos pola marca de garantía. O incremento dende o ano 2005 foi dun 30%, e existen neste intre 20 novas solicitudes que se están a avaliar, datos que avalan, dixo o conselleiro de Innovación e Industria, que a marca se está a consolidar e a estender a súa presenza no país. O cambio realizado na imaxe corporativa, que a dota de maior modernidade e visibilidade, o traballo específico para que as PEMES galegas accedan á marca e os trocos regulamentarios posibilitaron ese aumento, a xuízo do titular nacionalista. A maioría das empresas, segundo explicou, pertencen ao sector agro-gandeiro e da pesca, sumando máis do 90% do total, como reflexo da entrada de produtos propios das denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas e os consellos reguladores, que até agora non podían formar parte da marca.

O conselleiro defendeu Galicia Calidade como un valor engadido nos mercados internacionais para os produtos con este selo respaldado pola Consellaría de Innovación e Industria, pois confírelles unha calidade superior pola súa procedencia ademais dunha garantía e seguridade para os consumidores que os adquiren.

Redes sociais

Multimedia