Inicio / NOVAS / Notas de prensa / INNOVACIÓN E INDUSTRIA PON EN MARCHA UN NOVO ESTABLECEMENTO DA REDE DE COMERCIO RURAL GALEGO
14/02/2008.

INNOVACIÓN E INDUSTRIA PON EN MARCHA UN NOVO ESTABLECEMENTO DA REDE DE COMERCIO RURAL GALEGO

A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, visitou o proxecto piloto de Casa Rosa, situada no concello ourensán de Maceda

A Consellaría de Innovación e Industria puxo en marcha un novo establecemento adherido á Rede de Comercio Rural Galego, chamado Casa Rosa de Maceda. A directora xeral de Comercio, Ana Rúa; o delegado da Consellaría de Innovación en Ourense, Xosé Antón Jardón; e o xerente de Galicia Calidade, Xabier Ignacio Louzao, visitaron esta mañá este proxecto piloto que se suma ao xa presentado no mes de xaneiro no concello coruñés de Touro.

Ana Rúa sinalou que nos vindeiros días a Consellaría de Innovación e Industria porá en marcha dous comercios das mesmas características noutras comarcas rurais do país, completando así a primeira fase de creación de catro tendas piloto. Ademais, explicou, que o obxectivo de Innovación e Industria é contar este mesmo ano con preto de 20 establecementos integrando a Rede de Comercio Rural Galego.

O departamento autonómico investirá neste proxecto máis de catro millóns de euros en catro anos. Co desenvolvemento da rede a Consellaría quere levar a calidade de vida e dotar de servizos a todas as zonas do noso rural, cumprindo así varios obxectivos, como son: adecuar a oferta comercial ás necesidades da poboación, mellorar a rendibilidade da xestión dos establecementos, crear postos de traballo e dinamizar a economía rural, dotar de novos produtos e servizos ao comercio rural aumentando a súa calidade e comercializar produtos autóctonos e artesanais galegos.

Esta actuación, que está promovida pola Dirección Xeral de Comercio da Consellaría de Innovación e Industria, contará cunha rede de tendas repartidas por toda Galiza e que disporán dun servizo de asesoramento de xestión integral –a través de Galicia Calidade–, unha promoción conxunta das mesmas e formación para os seus propietarios e traballadores. O selo de Comercio Rural Galego garante pois a calidade e o cumprimento da normativa dos mesmos e unha garantía de confianza dos produtos ofertados.

A marca Comercio Rural Galego conleva a oferta dunha serie de produtos mínimos comúns a todos os establecementos adheridos, entre os que destacan os produtos locais, ecolóxicos e de artesanía alimentaria co fin de que o comercio rural sexa o referente de produtos frescos de calidade. Así, ademais de produtos frescos (hortalizas, verduras, froitas...) e transformados (mel, viño, lácteos, licores), comercialízanse denominacións de orixe galegas, produtos ecolóxicos co selo de Agricultura Ecolóxica de Galiza, produtos da marca Galicia Calidade e artesanía da comarca. Canto aos servizos, existen uns mínimos como os de café-bar, un punto de información turística, un punto de acceso a Internet e a posibilidade do pagamento con tarxeta.

1,5 millóns de euros para o 2008
A peculiaridade de Casa Rosa é que se trata dun establecemento de nova apertura nunha das vivendas que conforman o casco antigo da localidade ourensá de Maceda, de gran tradición pola súa cor característica que lle da nome.

No proxecto de rehabilitación tívose en conta a definición do local para a adaptación ás novas formas de consumo do rural. Habilitouse unha área de tenda onde se ofertarán toda unha serie de produtos de primeira necesidade, así como alimentos de produción ecolóxica, produtos de Artesanía de Galiza e viños galegos; unha zona de bar con servizo de comidas; así como puntos de acceso a internet e de información turística. Dispuxéronse aseos adaptados para a accesibilidade de persoas con discapacidade e, por outro lado, dotouse ao establecemento dun Terminal de Punto de Venta (TPV) e ferramentas de xestión empresarial modernas, que xunto coa formación que recibiron os comerciantes axudan a consolidar a viabilidade deste proxecto.

Nos vindeiros días dúas tendas máis serán postas en marcha nas outras dúas provincias galegas (Lugo e Pontevedra) co que se dará por rematada a fase inicial. Ao longo de 2008 os novos establecementos da rede terán unha orde de axudas coa que poderán acceder, logo dun proceso de selección, a unha axuda de até un 70 por cento da contía das obras e até un máximo de 100.000 euros. A partida total para esta iniciativa será de 1,5 millóns de euros para este ano.

Redes sociais

Multimedia