Inicio / NOVAS / Notas de prensa / INNOVACIÓN E INDUSTRIA QUERE CONVERTER 'GALICIA CALIDADE' NUN REFERENTE
26/04/2006.

INNOVACIÓN E INDUSTRIA QUERE CONVERTER 'GALICIA CALIDADE' NUN REFERENTE

Fernando X. Blanco e o novo director xerente da sociedade pública Galicia Calidade, Ignacio Louzao, presentaron os obxectivos estratéxicos da marca

A Consellaría de Innovación e Industria está a pór en marcha un conxunto de actuacións encamiñadas a que no horizonte de tres anos a marca "Galicia Calidade" poida ser situada como unha referencia no mercado. Así se puxo hoxe de manifesto en Santiago durante a presentación dos obxectivos estratéxicos da marca de garantía galega, acto presidido polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez, e no que tamén participou o novo director xerente da sociedade pública Galicia Calidade, Ignacio Louzao.

Segundo explicou o titular de Innovación e Industria, actualmente a marca non ten equivalencia na presenza no mercado en relación ao investimento efectuado e as expectativas creadas, polo que considerou necesario "redireccionar o proxecto e definir uns obxectivos reais e efectivos" dentro da planificación estratéxica da súa consellaría. Entre estes obxectivos, Blanco sinalou o acceso de produtos á marca de garantía, pero sen descoidar a actividade de control e seguimento; potenciar a promoción e comunicación da marca, así como do significado da mesma nos mercados de competencia dos produtos e servizos amparados; e o establecemento de alianzas estratéxicas transversais con outros órganos da Xunta de Galicia.

Para o conselleiro nacionalista, "Galicia Calidade" ten que ser a marca de garantía de calidade de referencia no mercado, para pór en valor os produtos galegos de calidade e procurar que os que sexan distinguidos coa marca sexan recoñecidos polos mercados e polos consumidores, como referentes en canto á calidade. Blanco subliñou que a sociedade pública Galicia Calidade ten unha clara vocación de servizo público de calidade á sociedade galega, un compromiso firme no apoio aos nosos sectores produtivos e coa cultura e lingua do país, e vai desenvolver unha forte aposta pola innovación e a creatividade con visión sustentable da produtividade.

O novo director xerente da sociedade pública Galicia Calidade, Ignacio Louzao, profundizou nas accións que xa están en marcha para acadar os obxectivos sinalados polo conselleiro. Neste sentido anunciou que xa se traballa na revisión do sistema de calidade da sociedade co obxectivo de que estea perfectamente implantando nun prazo de catro meses. Segundo explicou Louzao, isto levará a unha organización áxil e eficiente que permita ás organizacións empresariais acceso ao rexistro na marca, "e para isto –dixo– estamos tamén a revisar o regulamento de uso da marca".

Ignacio Louzao tamén avanzou que se procederá a ampliación dos prazos de duración dos contratos asinados ate os tres anos, "sen que isto vaia en detrimento das inspeccións e controis que periodicamente se fagan", puntualizou. Así mesmo, tamén explicou que se está a deseñar un novo símbolo distintivo de "Galicia Calidade" para transmitir unha nova imaxe do concepto da calidade, co obxectivo de adecuala ás novas necesidades do mercado, e apuntou que unha vez implantada esta nova imaxe, realizarase unha campaña de promoción da marca e dos produtos nela amparados.

O director xerente da sociedade pública anunciou tamén que xa se teñen iniciados os contactos con outros órganos da Xunta de Galicia, entre os que citou ás consellarías de Pesca e do Medio Rural, para avaliar a posibilidade de deseñar un calendario de actuacións e unha estratexia conxunta de promoción. Nesta mesma liña de actuación, tamén se está a traballar coa Dirección Xeral de Turismo para distinguir coa marca "Galicia Calidade" aos establecementos turísticos galegos, coa fin de promocionalos cun selo de calidade diferenciado.

Por último, cómpre subliñar a aposta da sociedade pública polas novas tecnoloxías da información e a comunicación como ferramentas na relación coas empresas e, neste sentido, vaise pór en funcionamento unha nova páxina web que sirva de portal de información tanto para as empresas como para os mercados potenciais dos produtos adheridos a "Galicia Calidade".

Redes sociais

Multimedia