Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Unha delegación de México visita a comunidade para coñecer o sistema de certificacións da marca Galicia Calidade
30/11/-1.

Unha delegación de México visita a comunidade para coñecer o sistema de certificacións da marca Galicia Calidade

Representantes da entidade mexicana Calidad Suprema reuníronse en Santiago coa directora xeral de Comercio e Consumo, co director de Galicia Calidade e co presidente do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia

Unha delegación da entidade México Calidad Suprema visitou a Comunidade para coñecer de primeira man o sistema de certificación da marca Galicia Calidade. Así, os representantes do país norteamericano reuníronse coa directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, co director de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, e co presidente de Vacún de Galicia, Jesús González, ademais dos técnicos das dúas entidades.

A delegación mexicana mostrou interese en coñecer como se abordan os controis e a aplicación a sectores tan importantes na economía dun país como a alimentación e o turismo. Tamén puideron afondar na xestión da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vacún de Galicia, pois a carne é un sector moi importante para o país mexicano.

A presidenta executiva de México Calidad Suprema, Lizeth Quintero, presentou aos asistentes á xuntanza a súa marca de garantía e intercambiou experiencias cos representantes galegos sobre a xestión das denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas, así como da importancia de incrementar a competitividade dos produtos agrarios e do recoñecemento das marcas certificadoras por parte dos produtores, comerciantes e consumidores.

A reunión forma parte da visita que México Calidad Suprema está realizando a Galicia para coñecer a experiencia de empresas, asociacións e organismos certificadores para saber promocionar mellor os produtos agroalimentarios cos estándares máis altos de calidade.

Galicia Calidade conta na actualidade con máis de 400 produtos e servizos certificados de 110 empresas galegas, onde os sectores da alimentación e do turismo supoñen o 80%. Pola súa banda, Vacún de Galicia certifica máis do 50% da carne de tenreira con IXP de toda España.

Redes sociais

Multimedia