Inicio / NOVAS / Notas de prensa / O CLUB FINANCIERO DE SANTIAGO ENTREGA O PREMIO Á EXCELENCIA EMPRESARIAL A JESÚS ALONSO, PRESIDETNE DE JEALSA
29/11/2013.

O CLUB FINANCIERO DE SANTIAGO ENTREGA O PREMIO Á EXCELENCIA EMPRESARIAL A JESÚS ALONSO, PRESIDETNE DE JEALSA

Jealsa-Rianxeira, certificada por Galicia Calidade, da emprego na actualidade a máis de 2.500 persoas na zona do Barbanza

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou hoxe a súa confianza en que os galegos, que xa superaron con éxito “a primeira fase do desafío”, volverán mostrar agora “o pulo e a forza necesarios para acadar un crecemento que chegue a todos e que demostre a súa firmeza no tempo”. Así o dixo o mandatario autonómico durante o acto de entrega do Premio á Excelencia Empresarial, que concede o Club Financeiro de Santiago, a Jesús Alonso Núñez, presidente do Grupo Jealsa-Rianxeira.

Na súa intervención, Feijóo destacou que os galegos “acertaron ao seren os primeiros en asir o temón no medio da deriva” , en referencia a que expresaron o desexo de “dotarse dun Goberno realista e responsable” e lle exixiron que orientase o país cara a “un rumbo seguro”. E engadiu que tamén acertaron cando decidiron “actuar con rigor” durante os anos duros da crise, que requiriron esforzos e sacrificios que os cidadáns “asumiron con altura de miras e cun enorme sentido da responsabilidade”.

Segundo afirmou, hoxe se evidencia que esa aposta era segura, e que os galegos fixeron da súa unha Comunidade “fiable e solvente”, que cumpre cos obxectivos do déficit, que non gasta o que non ten e paga o que debe, que mantén controlada a súa débeda e que abona as facturas en prazos moi inferiores aos da media.

Nesa liña, sinalou como mérito dos galegos o feito de que hoxe esta Autonomía ofreza “un marco de estabilidade propicio para emprender e para investir” e de que a súa Administración poida manter e incrementar a calidade dos servizos públicos ao tempo que pon xa en marcha medidas que impulsan con decisión o espertar económico da Comunidade.

“Se os indicadores macroeconómicos sinalan hoxe a Galicia como mellor preparada para deixar atrás as dificultades, é, sen dúbida, porque esta sociedade detectou a tempo os perigos e tamén os seus antídotos”, salientou o presidente da Xunta.

Con todo, Alberto Núñez Feijóo apuntou que o Goberno é consciente de que a misión está aínda lonxe de estar culminada, e entende que “a urxente e primordial tarefa é agora volver aos niveis de emprego necesarios para que a recuperación económica sexa unha realidade tanxible nos fogares”.

Para o mandatario autonómico esta tarefa será máis doada se se consultan as “guías” que representan as traxectorias de éxito empresarial como a de Jesús Alonso, nas que se pode aprender, por exemplo, “que a calidade é a mellor forma de diferenciarse”, que “os negocios, para ser competitivos, precisan innovar e buscar constantemente o xeito de ser máis eficientes” e que nunha economía global “pode resultar moi proveitoso procurar no exterior canles de crecemento”.

Redes sociais

Multimedia