Inicio / NOVAS / Notas de prensa / O CONCELLO DE MESÍA CONTA DESDE HOXE CUN ESTABLECEMENTO ADHERIDO Á REDE DE COMERCIO RURAL GALEGO
17/01/2009.

O CONCELLO DE MESÍA CONTA DESDE HOXE CUN ESTABLECEMENTO ADHERIDO Á REDE DE COMERCIO RURAL GALEGO

A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, visitou hoxe O Mesón de Visantoña, o último establecemento incorporado, na parroquia de Visantoña

A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, visitou esta mañá un novo establecemento adherido á Rede de Comercio Rural Galego, O Mesón de Visantiña, situado no concello de Mesía, na parroquia de Visantoña. No acto de inauguración tamén estivo presente o xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao. Coa inauguración do Mesón de Visantoña a Rede de Comercio Rural Galego conta con tres establecementos na provincia da Coruña. A comezos do 2008, púxose en marcha o establecemento piloto no concello de Touro, Casa Varela, e o pasado martes botou a andar Casa Carril, no concello de Teo.

O Mesón de Visantoña contou cunha aportación do departamento autonómico de 95.000 euros para a súa rehabilitación e adaptación aos manuais da Rede de Comercio Rural Galego. A inversión total para a remodelación foi de 137.000 euros. A actuación realizada foi a adecuación dun antigo alpendre de pedra, respectando a súa tradición e valor arquitectónico e mesturando coa modernidade e as novas tecnoloxías. Trátase dun establecemento cunha gran tradición no concello e que coa actual, son tres xeracións da mesma familia á fronte do mesmo e cunha antigüidade de máis de 50 anos.

Habilitouse unha área de almacén, unha área para autoservicio e unha zona de bar, ademais da dotación de todo o equipamento necesario para o servizo de cociña. Dispuxéronse aseos adaptados para a accesibilidade de persoas con discapacidade e, por outro lado, dotouse ao establecemento dun Terminal de Punto de Venta (TPV) e ferramentas de xestión empresarial modernas, que xunto coa formación que recibiron os comerciantes axudan a consolidar a viabilidade deste proxecto.

O Mesón de Visantoña, que así se chama este establecemento, abre agora as súas portas para dar servizo a unha parroquia rural como a de Mesía e facilitar así as condicións de vida ás súas veciñas e veciños, ofertando todos aqueles produtos de primeira necesidade, produtos ecolóxicos, de Artesanía de Galicia así como facilitando o acceso ás novas tecnoloxías.

11 establecementos en funcionamento
O departamento autonómico investiu na Rede de Comercio Rural Galego un millón e medio de euros ao longo do ano 2008 . Co desenvolvemento da rede a Consellaría quere levar a calidade de vida e dotar de servizos a todas as zonas do noso rural, cumprindo así varios obxectivos, como son: adecuar a oferta comercial ás necesidades da poboación, mellorar a rendibilidade da xestión dos establecementos, crear postos de traballo e dinamizar a economía rural, dotar de novos produtos e servizos ao comercio rural aumentando a súa calidade e comercializar produtos autóctonos e artesanais galegos.

A rede, que contaba até o día de hoxe con catro establecementos piloto repartidos por todo o país, máis os recentemente inaugurados na Pobra do Brollón, A Pastoriza, As Nogais, Teo, Barro e Pontevedra, suma xa a día de hoxe once proxectos adheridos á Rede de Comercio Rural Galego.

A Rede, promovida pola Dirección Xeral de Comercio da Consellaría de Innovación e Industria, contará cunha rede de tendas repartidas por toda Galiza e que disporán dun servizo de asesoramento de xestión integral –a través de Galicia Calidade–, unha promoción conxunta das mesmas e formación para os seus propietarios e traballadores. O selo de Comercio Rural Galego garante pois a calidade e o cumprimento da normativa dos mesmos e unha garantía de confianza dos produtos ofertados.

A marca Comercio Rural Galego conleva a oferta dunha serie de produtos mínimos comúns a todos os establecementos da rede, entre os que destacan os produtos locais, ecolóxicos e de artesanía alimentaria co fin de que o comercio rural sexa o referente de produtos frescos de calidade. Así, ademais de produtos frescos (hortalizas, verduras, froitas...) e transformados (mel, viño, lácteos, licores), comercialízanse denominacións de orixe galegas, produtos ecolóxicos co selo de Agricultura Ecolóxica de Galiza, produtos da marca Galicia Calidade e Artesanía de Galicia. Canto aos servizos, existen uns mínimos como os de café-bar, un punto de información turística, un punto de acceso a internet e a posibilidade do pagamento con tarxeta.

Nos vindeiros días un total de sete tendas máis serán postas en marcha repartidas por todo o país. Deste xeito, a Rede de Comercio Rural Galego contará a finais deste mes cun total de 18 establecementos adheridos, dotando así a milleiros de galegas e galegos de máis e mellores servizos no rural galego.

Redes sociais

Multimedia