Inicio / NOVAS / Notas de prensa / O CONCELLO LUCENSE DE OUROL CONTA DESDE HOXE CUN ESTABLECEMENTO ADHERIDO Á REDE DE COMERCIO RURAL GALEGO DA CONSELLARÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
21/02/2008.

O CONCELLO LUCENSE DE OUROL CONTA DESDE HOXE CUN ESTABLECEMENTO ADHERIDO Á REDE DE COMERCIO RURAL GALEGO DA CONSELLARÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, visitou o proxecto piloto de Casa Balsa, emprazado nun antigo salón de baile

O concello lucense de Ourol contará co cuarto e último establecemento piloto da Rede de Comercio Rural Galego. Casa Balsa conta cunha superficie total de máis de 120 metros cadrados e ofrece aos veciños servizos de bar, tenda, estanco, lotarías e apostas do Estado así como con venda de prensa. A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, e o xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao, visitaron esta mañá o establecemento.

Ana Rúa sinalou que coa posta en marcha de Casa Balsa dáse por finalizada a primeira parte do proxecto da Rede de Comercio Rural Galego. Nos vindeiros meses, engadiu, a Consellería de Innovación e Industria porá en marcha unha orde de axudas coa que poderán acceder, logo dun proceso de selección, a unha contía de até un 70 por cento do custo total das obras e até un máximo de 100.000 euros. A partida total para esta iniciativa será de 1,5 millóns de euros para este ano. Ademais, explicou, que o obxectivo de Innovación e Industria é contar este mesmo ano con preto de 20 establecementos integrando a Rede de Comercio Rural Galego.

O departamento autonómico investirá neste proxecto máis de catro millóns de euros en catro anos. Co desenvolvemento da rede a Consellaría quere levar a calidade de vida e dotar de servizos a todas as zonas do noso rural, cumprindo así varios obxectivos, como son: adecuar a oferta comercial ás necesidades da poboación, mellorar a rendibilidade da xestión dos establecementos, crear postos de traballo e dinamizar a economía rural, dotar de novos produtos e servizos ao comercio rural aumentando a súa calidade e comercializar produtos autóctonos e artesanais galegos.

Esta actuación, que está promovida pola Dirección Xeral de Comercio da Consellaría de Innovación e Industria, contará cunha rede de tendas repartidas por toda Galiza e que disporán dun servizo de asesoramento de xestión integral –a través de Galicia Calidade–, unha promoción conxunta das mesmas e formación para os seus propietarios e traballadores. O selo de Comercio Rural Galego garante pois a calidade e o cumprimento da normativa dos mesmos e unha garantía de confianza dos produtos ofertados.

A marca Comercio Rural Galego conleva a oferta dunha serie de produtos mínimos comúns a todos os establecementos adheridos, entre os que destacan os produtos locais, ecolóxicos e de artesanía alimentaria co fin de que o comercio rural sexa o referente de produtos frescos de calidade. Así, ademais de produtos frescos (hortalizas, verduras, froitas...) e transformados (mel, viño, lácteos, licores), comercialízanse denominacións de orixe galegas, produtos ecolóxicos co selo de Agricultura Ecolóxica de Galiza, produtos da marca Galicia Calidade e artesanía da comarca. Canto aos servizos, existen uns mínimos como os de café-bar, un punto de información turística, un punto de acceso a Internet e a posibilidade do pagamento con tarxeta.

Un antigo salón de baile
Casa Balsa sitúase no antigo salón de baile, construción que conta cun gran atractivo arquitectónico e no que a restauración de todos os seus compoñentes foi un dos piares sobre os que se asentou o proxecto. Un total de máis de 120 metros cadrados repártense no mesmo para os servizos de bar, con case 40 m2, tenda, con 70 m2, estanco, lotarías e apostas do Estado ou mesmo venda de prensa diaria.

O concello de Ourol conta cun case 1.500 habitantes dos que boa parte pasan polo núcleo, onde se atopa Casa Balsa e aos que satisfará da maior parte das súas necesidades.

No proxecto de rehabilitación tívose en conta a definición do local para a adaptación ás novas formas de consumo do rural. Habilitouse unha área de tenda onde se ofertarán toda unha serie de produtos de primeira necesidade con autoservizo, así como alimentos de produción ecolóxica, produtos de Artesanía de Galiza e viños galegos; unha zona de bar; así como puntos de acceso a internet e de información turística, ademais de estanco,venda de prensa diaria e lotarías e apostas do Estado. Dispuxéronse aseos adaptados para a accesibilidade de persoas con discapacidade e, por outro lado, dotouse ao establecemento dun Terminal de Punto de Venta (TPV) e ferramentas de xestión empresarial modernas, que xunto coa formación que recibiron os comerciantes axudan a consolidar a viabilidade deste proxecto.

Redes sociais

Multimedia