Inicio / NOVAS / Notas de prensa / O conselleiro do Medio Rural visita a Adega A Coroa
11/02/2019.

O conselleiro do Medio Rural visita a Adega A Coroa

O conselleiro do Medio Rural, José González, reafirmou en Valdeorras o apoio da Xunta ao sector do viño, o de maior proxección internacional do agro galego. Nunha visita a esta denominación de orixe, que incluíu a asistencia ao pleno do consello regulador e un percorrido polas instalacións da Adega A Coroa en A Rúa, o conselleiro lembrou o esforzo investidor do seu departamento para fomentar a produción, a transformación, a promoción e a comercialización deste sector.

José González, que estivo acompañado nesta visita polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, sinalou que as axudas ao sector teñen como finalidade responder aos grandes retos do sector, que pasan por fomentar a profesionalidade, a xeración de sinerxias con outros eidos (turismo e gastronomía, fundamentalmente) e por un modelo de negocio baseado en tres aspectos: diferenciación, calidade e singularidade.

O titular de Medio Rural indicou que todas estas premisas están contempladas no Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia que porá en marcha a Xunta co dobre obxectivo de mellorar o posicionamento dos nosos viños e das comarcas que representan.

Adega A Coroa
A Coroa é unha adega familiar amparada pola DO Valdeorras e que aposta pola viticultura racional e moderna, aproveitando a personalidade da variedade godello e buscando sempre a calidade. A elaboración céntrase nun trato minucioso e racional da uva utilizando a mellor tecnoloxía e respectando plenamente a heteroxeneidade dos terreos.

Redes sociais

Multimedia