Inicio / NOVAS / Notas de prensa / O PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA INAUGURA A NOVA PLANTA DE LECHE DE GALICIA S.L. EN VILALBA
04/07/2013.

O PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA INAUGURA A NOVA PLANTA DE LECHE DE GALICIA S.L. EN VILALBA

Destaca que a inauguración da nova incubadora de Lactalis significa, para Vilalba, investimento e emprego; para os gandeiros, un destino certo para a produción leiteira; para o campo galego, futuro e valor engadido; e para a economía, unha extraordinaria mensaxe de confianza

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remarcou hoxe que, grazas á unión e ao diálogo entre o sector e as distintas administracións, o lácteo galego contará cunha figura do mediador, que contribuirá a equilibrar e introducir xustiza na cadea de valor. “Só desde o diálogo e a unión podemos celebrar que se axilice a tramitación da Lei da Cadea Alimentaria e da Concentración da Oferta”, que axudarán a solucionar os problemas de negociación e construción dos prezos do leite que padecemos, afirmou Feijóo. Nesta liña, congratulouse porque, tras un intenso traballo, se conseguise que a lei contemple a emenda galega para que a Lei recolla a figura do mediador para negociar os prezos cando non haxa acordo entre produtores e transformadores. “Unha medida que, a bo seguro –aseverou-, contribuirá a equilibrar e introducir xustiza na cadea de valor dos produtos primarios”.

Durante a inauguración da incubadora de produtos lácteos estériles de fábrica de Lactalis Iberia de Vilalba, o titular da Xunta afirmou que os datos avalan que “andamos no bo camiño”, xa que no último ano se logrou inverter a tendencia á baixa, e o prezo do leite subiu unha media de catro céntimos por litro, o que supón un ascenso dun 15,04%, acadando ademais, engadiu, “o máis alto desde a crise de 2009”.

Na súa intervención Feijóo referiuse ao vínculo “indisoluble” entre Galicia e o sector lácteo, algo do que dan fe, dixo, as preto de 11.000 explotacións rexistradas na comunidade, que supoñen o 55% das existentes en España e producen 2,3 millóns de toneladas de leite, arredor do 38% do xerado no conxunto do país. O presidente galego puxo en valor o esforzo dos gandeiros por mellorar a competitividade das súas explotacións, incrementado a base territorial e o seu número de reses e demandou “que sigan facendo os deberes” para garantir que o sector lácteo sexa “economicamente viable e sustentable no tempo”.

De aí, lembrou, a aposta do Goberno galego por acompañar a este sector con medidas estruturais destinadas a mellorar as condicións coas que compiten nos mercados. Referiuse Feijóo, á Lei de Mobilidade de Terras; á Lei de Montes ou a futura Lei de mellora da estrutura territorial agraria e á inclusión de terreos de propietarios descoñecidos. E tamén aos 5 millóns de euros postos á disposición dos gandeiros para a mellora e modernización das súas explotacións.

No eido da comercialización, o mandatario autonómico salientou a aprobación do decreto que facilita e promove a concentración da oferta, dando ademais forma e práctica á marca Galega 100%, que avala a identificación do leite galego de calidade diferenciada. E, co mesmo obxectivo, engadiu, “trasladamos á primeira liña das necesidades as achegas de liquidez ás explotacións durante a crise do leite de 2009, cunha inxección de fondos propios de 20 millóns de euros”; e “por iso tamén priorizamos e axilizamos as axudas da PAC”, achegando máis de 190 millóns de euros e prevendo chegar aos 200 millóns neste 2013, explicou. Feijóo enmarcou esta aposta da Xunta no convencemento de que “un país non pode abandonar a súa despensa”. Apuntou que Europa “ten una materia pendente na correcta combinación do sector primario, do sector industrial e do sector servizos” e engadiu que “Europa non pode esquecer o seu sector primario nin o seu sector industrial; porque se o fai –dixo-, caerá cada vez máis en mans de países emerxentes cuestionando o benestar do continente e sendo unha das causas da crise económica que padecemos”, sentenciou.

Conxunción de esforzos
Destacou que neste importante esforzo o Goberno galego contou co apoio dun Ministerio comprometido co lácteo galego e receptivo coas súas demandas. A este respecto indicou que, só desde o diálogo e a unión se conseguiu facer realidade en tempo récord de oito meses o que se perseguiu durante oito anos: asinar un acordo pioneiro e novidoso entre produtores, industria e distribución para desterrar prácticas comerciais que xeran prezos á baixa e que fan do leite un produto de reclamo; “só desde o diálogo e a unión acadamos a forza dabondo en Europa para conseguir dispoñer de axudas de máis calado que as de 2009 e que 31 millóns de euros engadidos acaben nas explotacións lácteas entre 2012 e 2013”, abondou; e “só desde o diálogo e a unión, logramos” activar o paquete lácteo que fai realidade o contrato homologado que permite e regula “algo razoable: saber a canto e cando se pode cobrar o leite”.

Nova planta de Lactalis 
Na súa intervención, o presidente da Xunta agradeceu ao grupo Lactalis a súa “mostra de confianza” que vai máis alá dos 11 millóns de investimento nesta planta, da súa capacidade de almacenaxe de máis de 15.000 palets ou da súa posibilidade de chegar a recoller ata 60.000 toneladas de leite adicionais en Galicia. Referiuse, tamén, a un dato que cualificou como “revelador”: a capacidade de produción e procesado de Lactalis en Galicia pasou de 37 millóns de litros en 1991 a 210 millóns en 2012.

E salientou que a inauguración da nova incubadora de produtos estériles significa: para Vilalba, investimento e emprego; para os gandeiros, un destino certo para a produción leiteira; para o noso campo, futuro e valor engadido; e para a economía, unha extraordinaria mensaxe de confianza, concluíu.

Redes sociais

Multimedia