Inicio / NOVAS / Notas de prensa / O PRESIDENTE DA XUNTA VISITA O SALÓN DA PATACA DE GALICIA CELEBRADO EN XINZO DE LIMIA
22/11/2010.

O PRESIDENTE DA XUNTA VISITA O SALÓN DA PATACA DE GALICIA CELEBRADO EN XINZO DE LIMIA

Feijoo, acompañado do xerente de Galicia Calidade Carlos Vila, visitou tamén o stand da empresa Patatas Conde

O Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, visitou este sábado o Salón Monográfico da Pataca de Galicia na vila ourensá de Xinzo de Limia. O evento que cumpre a súa segunda edición conta coa colaboración de Galicia Calidade. Neste acto, o titular do goberno autonómico fixo un percorrido pola feira e polo stand da empresa adherida á marca de garantía Patatas Conde acompañado de Carlos Vila.

II Salón Monográfico da pataca de Galicia é a única feira do sector de carácter monográfico que se celebra en Europa. O evento reunirá a produtores, almacenistas, comerciantes, fabricantes e técnicos, que analizarán as últimas novidades dun produto básico na agricultura de A Limia e imprescindible na alimentación mundial.

Galicia, co 22% da produción de pataca en España ocupa o segundo lugar despois de Castela e León, sendo a provincia de Ourense coa subzona de A Limia a que aporta a maior porcentaxe, de aí a importancia que ten este tubérculo para a economía galega e, en especial, para a provincia de Ourense.

O Inorde, a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e o Concello de Xinzo levan a cabo conxuntamente este proxecto do salón monográfico, que é un referente europeo no sector, e que permitirá coñecer os traballos que se realizan en países como holanda, Polonia, Hungría e Romanía, ademais dos avances que en Ourense se desenvolven para conseguir a mellor produtividade da pataca.

A promoción e o I+D son as dúas áreas nas que este ano basea o II Salón da Pataca as súas liñas de actuación. O programa do salón inclúe xornadas técnicas, degustacións, presentacións de expositores, catas, concursos e actividades para nenos, que farán deste evento un inmellorable lugar para que profesionais e visitantes poidan traballar e gozar ao redor dun dos grandes produtos da nosa mesa: a pataca.

Redes sociais

Multimedia