Inicio / NOVAS / Notas de prensa / O RESTAURANTE CASAL DO CABILDO ACADA O PREMIO A TAPA GALICIA CALIDADE
17/07/2008.

O RESTAURANTE CASAL DO CABILDO ACADA O PREMIO A TAPA GALICIA CALIDADE

O establecemento hostaleiro compostelán impúxose nesta categoría coa tapa "Arroz de Verín"

O concurso Santiago(é)tapas, organizado pola Concellaría de Turismo de Santiago de Compostela, chegou no día de onte ao seu fin. O premio á tapa Galicia Calidade, galardón no que se primaba a mellor exaltación dos productos galegos, recaeu no restaurante compostelán Casal do Cabildo pola súa tapa Arroz de Verín.

O xurado valorou positivamente o emprego de produtos do noso país como as fabas, o lacón e os grelos, tres ingredentes que lle daban un exquisito sabor a unha tapa que non deixou indiferente a ninguén. O propietario deste establecemento hostaleiro recibiu das mans do xerente de Galicia Calidade, Xabier Ignacio Louzao, un galarón con 500 euros máis un agasallo.

Segundo se indicou desde a organización, ao longo dos 15 días nos que trascurriu este certame gastronómico consumíronse un total de 20.000 tapas nos 45 establecementos santiagueses que participaron na iniciativa.

Outros galardoados
O premio á Mellor Tapa foi para a “Sardiña de San Xoán” e consistiu en 1.000 euros e unha campaña de publicidade en medios locais valorada en máis de 1.500 euros. Yago Castrillón, cociñeiro do Acio e creador da tapa, recibiu o máximo galardón de mans do concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias.

O Premio do Público, dotado con 1000 euros, foi para o “Solombo de Porco con cebola caramelada” de Bokados Tapería, e foi entregado por Ángel Remesal, xerente de El Correo Gallego.

Un xurado formado por especialistas en gastronomía (xornalistas, cociñeiros, profesores de hostalaría...) foi o encargado de catar as 113 tapas que 45 estabelecementos mantiveron en concurso durante dúas semanas, nun proceso que contou cunha ronda de selección e unha ronda final. Estes expertos, sempre dende o anonimato, decidiron os galardóns coas súas valoracións, seguindo uns criterios baseados na valoración da presentación da tapa e o servizo e a súa elaboración e sabor, sen esquecer a relación calidade-prezo.

O premio á Tapa Creativa foi entregado por Jesús Sordo, presidente da Asociación de Hostelería de Santiago ao Madam Ragú polo seu “Semáforo de verduriñas frías”, mentres o premio a Tapa Tradicional foi parar ao Garum pola súa “Cefalopodoespetada con alioli da súa tinta”, que recibiu de mans de Roberto Crespo, vicepresidente da Praza de Abastos.

O premio Estrella Galicia, consistente nunha viaxe a Praga, foi para os “Berberechos con patacas panadeira e cebola” do Mesón de Lázaro, polo seu bo maridaxe coa cervexa, entregado por Guillermo Fernández, delegado de Estrella Galicia en Santiago.

Redes sociais

Multimedia