Inicio / NOVAS / Notas de prensa / O sector turístico galego acada os 282 establecementos acreditados coa Q de Calidade
25/03/2019.

O sector turístico galego acada os 282 establecementos acreditados coa Q de Calidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, felicitou o pasado venres ao sector turístico galego cuxas 282 Q de Calidade acreditan, dixo, a súa permanente expansión e renovación.

Durante o acto de entrega dos diplomas Q de Calidade Turística 2018, Feijóo destacou o éxito patente no récord de certificacións que sitúan á Comunidade galega como a segunda neste tipo de distincións e a primeira da España Verde. Un éxito que se traduce na chegada de 4,8 millóns de visitantes no ano 2018, no incremento da estadía media e tamén no gasto; e que se verifica, así mesmo, no Camiño de Santiago que superou os 320.000 peregrinos en 2018 e se diversifica polos diferentes itinerarios.

Feijóo sinalou que Galicia sabe aproveitar o valor da paisaxe, como proba o feito de que das 6 empresas españolas de turismo activo con Q de Calidade, 4 sexan galegas; ou que a Autonomía galega sexa líder en España en portos deportivos certificados coa Q de calidade e, tamén, en aloxamentos rurais e no turismo industrial que inclúe as adegas.

Feijóo concluíu referíndose ao recoñecemento á excelencia ao restaurante A Tafona de Lucía Freitas; “hai tradición e innovación nesta cociñeira compostelá que sabe facer de cada prato unha mensaxe de galeguidade”, aseverou, sinalando que este acto proba que Galicia conta cos mellores profesionais e co mellor país para facer do Xacobeo 2021 un novo fito na andaina desta Comunidade, anfitrioa do mundo.

Redes sociais

Multimedia