Inicio / NOVAS / Notas de prensa / O XERENTE DE GALICIA CALIDADE PRESENTA EN FISTERRA O CERTIFICADO DE GALICIA CALIDADE Á COOPERATIVA MERGULLADORES DE LONGUEIRÓN DE FISTERRA, S. COOP. GALEGA
14/07/2007.

O XERENTE DE GALICIA CALIDADE PRESENTA EN FISTERRA O CERTIFICADO DE GALICIA CALIDADE Á COOPERATIVA MERGULLADORES DE LONGUEIRÓN DE FISTERRA, S. COOP. GALEGA

Presentación do Certificado da Licenza de Uso da marca de garantía Galicia Calidade aos mergulladores da Cooperativa "Mergulladores de Longueirón de Fisterra, S.C.G." outorgada aos produtos: navalla (ensis ensis) e longueirón (ensis siliqua) de Fisterra, extraídos en apnea.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2007.- Galicia Calidade celebrou esta mañá o acto de presentación da licenza de uso da marca de garantía Galicia Calidade. O acto tivo lugar no Faro de Fisterra, en Fisterra e contou coa presenza do Director Xerente da Sociedade, Ignacio Louzao, e co presidente da Cooperativa de Mergulladores, D. Francisco Caamaño.

No acto cos mergulladores, o xerente de Galicia Calidade abordou as particularidades da certificación, as obrigas e as oportunidades que a licenza de uso supón para a comercialización destes produtos e o desenvolvemento sostible desta actividade.

A Consellaría de Innovación e Industria a través de Galicia Calidade, S.A., ven apoiando aos produtos galegos de calidade, e en especial aqueles nos que conflúen características de desenvolvemento sostible, mantemento dos recursos naturais, e mellora socioeconómico do sector primario extractivo. Galicia Calidade representa unha ferramenta no mercado, que pon en valor as características dos produtos amparados, certificando a súa orixe, trazabilidade, calidade e a súa técnica de extracción.

A iniciativa dos Mergulladores de Fisterra de valorizar os seus produtos a través de Galicia Calidade tivo o súa consecución o pasado vinte de xuño coa concesión da marca de garantía, onde se recoñeceu que os produtos: navalla e longueirón de Fisterra, ten unha moi alta calidade, polas súas características organolépticas derivadas da súa orixe, e da técnica de extracción empregada: o mergullo en apnea, na que ademais da dificultade física e do esforzo que require, permite, por unha banda, unha mellor selección do produto que sae limpo de areas do mar, sen sufrir golpes nin danos, procurando no produto unha maior duración e conservación das súas características, en estado óptimo. Esta técnica de extracción resulta idónea desde o punto de vista ecolóxico, e permite unha explotación sostíbel destes recursos mariños.

Redes sociais

Multimedia