Inicio / NOVAS / Notas de prensa / O XERENTE DE GALICIA CALIDADE VISITA A ADEGA PAZOS DE VILLAREI PARA INFORMALA SOBRE A ADHESIÓN AO SELO DE GARANTÍA
21/01/2013.

O XERENTE DE GALICIA CALIDADE VISITA A ADEGA PAZOS DE VILLAREI PARA INFORMALA SOBRE A ADHESIÓN AO SELO DE GARANTÍA

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Cores Tourís, mantivo un encontro esta mañá co xerente de Galicia Calidade así como co propietario da firma, Horacio Gómez

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañou esta mañá ao xerente de Galicia Calidade, Carlos Vila, co obxectivo de recoller o interese da bodega Pazo de Villarei por contar co selo de calidade que otorga este organismo.

Nesta reunión estivo presente o responsable do Pazo de Villarei, Horacio Gómez, así como o xefe territorial de Medio Rural e do Mar de Pontevedra, Gerarzo Zugasti.

O xerente de Galicia Calidade trasladoulle aos responsables desta bodega, as condicións e requisitos que ten que manter toda marca para recibir esta certificación, destacando a importancia da calidade dos produtos que reciben este selo, así como o feito de que a súa produción sexa galega.

Segundo apuntou Carlos Vila, nas próximas semanas continuarase a traballar na solicitude de Pazo de Villarei, estudándose as súas características e mantendo conversación cos directivos da empresa. “Estamos a falar dunha marca moi representativa dentro do mundo do viño galego, xa que pertence ao grupo HGA Bodegas, e non podemos esquecer que a Xunta, a través da Consellería de Economía e Industria, está a apoiar ás empresas galegas que teñen produtos de calidade, apostando tamén porque gañen espazo no eido da exportación”, engadiu o xerente de Galicia Calidade.

A bodega Pazo de Villarei, situada en Meis, conta cunha capacidade para 400.000 litros e foi adquirida recentemente polo grupo HGA Bodegas, que conta con outras instalacións similares na Ribeira Sacra, en Avión, e na subzona do Rosal, coa bodega Altos de Torona.

HGA posúe unha explotación de viñedos propios en Tomiño con máis de 100 hectáreas, así como traballa con máis de 200 viticultores na zona de O Salnés. “Moitos deles levan máis de 20 anos aportando o seu viño a esta bodega de Meis, o que indica que dende HGA apostamos pola tradición e polo desenvolvemento local”, asegurou Horacio Gómez.

José Manuel Cores Tourís mostrou tamén a súa satisfacción por que dende a bodega Pazo de Villarei se desexe contar co selo e certificación de Galicia Calidade, “algo que permitirá a esta firma acreditar a súa calidade no estranxeiro, e por tanto, axudar a aumentar as súas exportacións”.

Redes sociais

Multimedia