Inicio / NOVAS / Notas de prensa / A empresa Pazo de Vilane lanza a 6ª edición de ‘1 idea, 1 árbol’ co obxectivo de contribuír á reforestación na comarca da Ulloa
29/03/2019.

A empresa Pazo de Vilane lanza a 6ª edición de ‘1 idea, 1 árbol’ co obxectivo de contribuír á reforestación na comarca da Ulloa

A empresa Pazo de Vilane lanza a 6ª edición da iniciativa ‘1 idea, 1 árbol’ co dobre propósito de reutilizar a caixa de ovos campeiros e contribuír á reforestación na comarca da Ulloa.

Coa posta en marcha desta nova campaña, a empresa familiar colabora coa creación de bosques autóctonos para conservar a biodiversidade en Galicia e unha contorna saudable para as galiñas que viven en Pazo de Vilane.

Premios
Entre todas as persoas que participen na 6ª edición 1 idea, 1 árbol realizarase un sorteo de dez pack de marmeladas artesanais de framboesa e arando que inclúe a edición limitada dun tarro de louza branca creado a man pola firma de artesanía galega 'Mi madre no me deja'.

Ademais, de entre todas as ideas recibidas, Pazo de Vilane elixirá unha delas como a gañadora absoluta, tendo en conta a súa orixinalidade, a inclusión doutros elementos reutilizados e a calidade das imaxes ou dos vídeos.

O premio para a persoa gañadora é unha viaxe a Galicia, entre o 28 e 30 de xuño de 2019, para ela e un acompañante da súa elección. A viaxe inclúe dúas noites de aloxamento nun establecemento de turismo rural da comarca, dous almorzos, unha visita guiada ás instalacións de posta de ovo campeiro e unha comida ou cea nun establecemento da zona.

Como participar?
As persoas interesadas poderán participar dende o 21 de marzo ata o 17 de maio de 2019, realizando un texto, foto ou vídeo que mostre de forma orixinal como reutilizar a caixa de cartón de ovos campeiros de Pazo de Vilane.

1 idea, 1 árbol
Desde os seus inicios en 1996, Pazo de Vilane leva adiante unha filosofía centrada no respecto ao medioambiente, que se reflicte no coidado das galiñas en liberdade, as leiras destinadas a cultivos ecolóxicos e as caixas de cartón reciclado en todos os seus produtos.

Durante as anteriores edicións, Pazo de Vilane recibiu máis de 900 ideas sobre como reutilizar a caixa de ovo campeiro que se deron a coñecer a través do blog da empresa e as redes sociais. 
Por cada idea recibida, Pazo de Vilane comprométese a plantar durante o inverno de 2020 unha árbore de especie autóctona, como castañeiros, carballos, freixos, bidueiros e chopos na comarca da Ulloa (Lugo), contribuíndo así á reforestación da zona.

Redes sociais

Multimedia