Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Familiar, moza, innovadora e verde: retos para unha Galicia de máis calidade na nova década
20/06/2019.

Familiar, moza, innovadora e verde: retos para unha Galicia de máis calidade na nova década

Familiar, moza, innovadora e verde. Estes son os catro retos que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, durante unha reunión cos membros do Executivo, directores e secretarios xerais da Xunta, para acadar, dixo, unha Galicia de máis calidade na nova década.

Co obxectivo de avaliar o traballo feito ata agora e, sobre todo, preparar “o moito que temos por diante”, Feijóo mantivo esta mañá unha xornada –como se fixo ao inicio da lexislatura- que culmina coa posta en común do traballo previo das diferentes consellerías, para reforzar a unidade de acción dun Goberno unido e estable e redobrar a intensidade desa acción, logo da inevitable interrupción que para todas as administracións supoñen os procesos electorais e nun contexto político de inestabilidade e incertezas.

Na xuntanza, o responsable do Executivo galego precisou que lonxe de ser categorías, estes catro retos son obxectivos irrenunciables de todo o que se faga desde todos os ámbitos da Administración autonómica, porque “esa Galicia da nova década –sentenciou-, ten que empezar a construírse desde xa”.

A Galicia da nova década, máis que nunca Galicia Calidade
O presidente da Xunta sinalou que a Galicia da nova década ten que ser, máis que nunca, Galicia Calidade: “Calidade para os de fóra; un destino turístico distinto, con produtos excelentes e cun emprego de maior calidade. E, calidade tamén para os galegos, con mellores servizos públicos, con mellor emprego, con políticas sociais que non deixen tirado a ninguén, con maior conciliación e coa mellor Sanidade pública que nunca tivo”.

Feijóo concluíu afirmando que esta Galicia é unha obra colectiva, e a Xunta estará ao carón dos galegos para acadala. “Unha Galicia máis familiar, moza, innovadora e verde... Non son obxectivos dunha ideoloxía, dunha corrente ou dun goberno concreto, son e teñen que ser os obxectivos de toda unha Comunidade autónoma”, sentenciou, insistindo en que para acadalo, os galegos contan cun goberno formado por un equipo con experiencia e que se esforza.

“Isto vai máis alo de partidos e de siglas. Este proxecto vai máis aló das lexislaturas, non pensa nos dez anos dunha etapa e transcende as persoas que agora ocupamos postos temporais. Este proxecto mira con seguridade, confianza e ambición cara á próxima década e encáraa”, abundou, aseverando que neste proxecto estamos “todos a unha” porque ten un nome que nos convoca a todos e que precisa de todos: Galicia.

Redes sociais

Multimedia