Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Os viveiros amparados por Galicia Calidade participan na feira Iberflora
01/10/2019.

Os viveiros amparados por Galicia Calidade participan na feira Iberflora

Catro viveiros amparados pola marca de garantía galega Galicia Calidade participan esta semana en Iberflora, a feira internacional de planta e flor,  paisaxismo, tecnoloxía e  bricoxardín que ten lugar ata o 3 de outubro en Valencia. Trátase de Viveiros Leboreo (Carballo), Viveiros Lamigueiro (Carral), Viveiros Cabaleiros (Lugo) e Veraleza (Pontevedra), que pertencen a Asvinor, a Asociación de  Viveristas del Noroeste.

Valencia vestirase de verde para acoller a máis de medio milleiro de firmas expositoras procedentes de quince países e nunha superficie expositiva de 45.000 metros cadrados.

No marco da feira celebraranse diversas xornadas e encontros profesionais que analizarán os retos ambientais máis actuais como, por exemplo, as infraestruturas verdes, o problema dos  microplásticos nas nosas augas, as crises hídricas, inundacións e secas ou o futuro da cultura ‘bio’ nos hábitos dos consumidores.

A Asociación de Viveristas del Noroeste,  Asvinor
Asvinor é unha asociación de viveiristas que engloba aos sectores de produción de planta ornamental, forestal, froiteira e de horta de toda Galicia.

A súa misión é contribuír á profesionalización, defensa de intereses e desenvolvemento dos seus asociados, establecendo relacións, contacto e representacións necesarias ante outras asociacións, empresas e organismos públicos ou privados.

Entre os proxectos máis destacados de Asvinor está a creación da marca ‘Planta ornamental de Galicia – Galicia Calidade’. Con esta implantación da marca, Galicia é a primeira comunidade que pode certificar a súa planta, ofrecendo unha garantía de cumprimento da norma e de orixe.

Redes sociais

Multimedia