Inicio / Noticias / Notas de prensa / Galicia Calidade colabora co Club gallego de automóviles antiguos na súa peregrinación dende Jaca a Compostela
16/07/2010.

Galicia Calidade colabora co Club gallego de automóviles antiguos na súa peregrinación dende Jaca a Compostela

A expedición chegará mañá sábado a Santiago e o domingo pola mañá haberá unha exposición dos vehículos na praza do Obradoiro

A consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, colabora coa expedición que o Club Gallego de Automóviles Antiguos levará a cabo dende Jaca a Santiago. O vindeiro sábado os vehículos clásicos chegarán a Compostela para permancer expostos na Praza do Obradoiro o domingo pola mañá durante a visita dos pilotos e acompañantes á Catedral.

Galicia Calidade promocionará así a marca de garantía a través de automóbiles con gran valor histórico e que no caso de seren galegos merecerían o selo de garantía pola súa diferenciación e pola calidade, que se demostra coa antigüidade coa que contan. Os turismos contarán cun adhesivo nos cristais co logotipo da marca de garantía e que os identificará durante o seu periplo.

Nesta viaxe serán un total de 30 vehículos os que realicen o percorido dende Jaca e que comezou o pasado domingo 11 de xullo e no que viaxan máis de 60 persoas. Entre os obxectivos desta peregrinación atópanse a difusión de Galicia como fin turístico e cultural, a sensibilización sobre a defensa, fomento e conservación do legado histórico-cultural que supón o automóbil e aumentar o coñecemento e entusiasmo polo mundo do automóbil.

Entre o parque móbil que se desprazará dende Jaca a Compostela hai coches que contan con 80 anos de antigüidade, vehículos que contan con todos os mecanismos técnicos en perfecto estado pois a distancia e as etapas de douscentos kilómetros diarios fai desta proba unha esixencia para os motores. Chvrolet, Ford, Austin, Hudson, Packard, Citroen, Plymouth, Rolls Royce son algúnhas das marcas dos turismos en cuestión.