A xerente da marca de garantía da Xunta dependente de Turismo de Galicia destacou o esforzo da adega familiar Augavella para elaborar bagazos, cremas e licores de calidade

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, reuniuse hoxe cos responsables da adega familiar Augavella nas súas instalacións de Chantada (Lugo) para facerlles entrega do certificado de uso da marca de garantía da Xunta de Galicia para os seus produtos, un selo que pon en valor o esforzo pola elaboración de bagazos, cremas e licores de calidade, todos eles destilados na Ribeira Sacra.
No acto de entrega do certificado, a responsable de Galicia Calidade, puntualizou que a posesión do selo de garantía permitirá á empresa engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial, así como incluír a nova sinalización na súa fachada.
Desde os seus inicios, Augavella mantén o legado do seu fundador, Juan Manuel Méndez Otero, quen inculcou a atención ao detalle e a busca constante da excelencia. A adega representa un proxecto familiar que vai máis aló do ámbito empresarial, converténdose nun símbolo de persistencia e compromiso coa calidade.
Durante a visita, Ana Méndez destacou o "compromiso coa calidade desta destilería que elabora cada gota dos seus produtos dentro das súas propias instalacións". A compañía, aposta por destilar emocións a través de momentos únicos, aromas delicados e recordos dunha tradición case esquecida. Ademais, salientou o "esforzo de manter a orixe familiar" e a "autenticidade que caracteriza" a súas producións.
Entre as súas creacións destacan Morriña, que representa Galicia en estado puro coa Ribeira Sacra como pano de fondo, e Tamtum, un augardente de Galicia de altísima calidade no que a empresa investiu tempo de esforzo e dedicación. Estas especialidades reflicten a historia e o sabor inconfundible que caracterizan a Augavella.