Casa Solla recibe o selo de garantía Galicia Calidade que certifica a súa aposta pola cociña de calidade e proximidade

.

Galicia Calidade
Certificación Casa Solla

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, entregou o selo de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, ao chef Pepe Solla, responsable do restaurante Casa Solla. Deste xeito, certifícase o esforzo pola elaboración dunha experiencia gastronómica próxima e de gran delicadeza. O selo permitirá a Casa Solla incluír a nova sinalización, coa que se identifica ás empresas adheridas a Galicia Calidade, nas súas fachadas, así como engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial.

Casa Solla empezou en 1961 cando José e Amelia decidiron iniciar este proxecto que, aos poucos, conseguiron dar solidez cunha oferta de produto, como non podía ser doutra forma, en Galicia. A finais dos anos 80 incorporouse como cociñeiro Pepe Solla, un dos seus fillos, que logrou a Estrella Michelín para Casa Solla ese mesmo ano. Desde 2003 seguiu o seu camiño en solitario, co respecto á historia tanto dos seus pais como de Galicia, sempre cos valores que serviron de piar ao longo de todos estes anos: produto e calidez humana.

Ana Méndez, neste acto de entrega do certificado, salientou a aposta do restaurante Casa Solla pola cociña a partir de materias primas de proximidade cuns menús, Trasmallo e Piobardeira, que conmemoran dúas artes de pesca senlleiras de Galicia e denotan o compromiso cos produtos do mar, pero tamén coa horta da contorna. Coa entrega deste selo de garantía a Casa Solla, Galicia Calidade conta xa con 37 establecementos de hostalería que contan coa marca de certificación. Entre eles, cinco restaurantes que tamén teñen unha estrela Michelín.
 

instagram facebook twitter youtube