A marca de garantía da Xunta participa un ano máis neste prestixioso encontro gastronómico, acompañando a empresas certificadas que representan a excelencia galega
Galicia Calidade está presente un ano máis no Gastronomic Forum Barcelona, un dos eventos profesionais máis destacados do panorama gastronómico e alimentario de España, no que a Xunta de Galicia promove a calidade e o prestixio dos produtos galegos baixo un espazo común que leva o selo da marca de garantía.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu á inauguración da feira, destacando a importancia deste tipo de citas para abrir novos mercados internacionais e consolidar a imaxe de Galicia como referente en calidade, autenticidade e sustentabilidade.
Durante tres días, o espazo de Galicia Calidade acolle catas, degustacións e demostracións culinarias, nas que se presentan produtos con indicacións xeográficas e denominacións de orixe protexidas —entre eles viños, queixos, mel, carnes, licores e produtos de artesanía alimentaria—, amosando o potencial e a diversidade da oferta galega.
Empresas certificadas participantes
No marco do evento, Galicia Calidade acompaña ás seguintes empresas certificadas que participan como coexpositoras no foro: Rectoral de Amandi , Rectoral do Umia, Augavella, Vía Romana, Terriña, Bodegas Aguiuncho, Viños Barco e Artesa Rías Baixas.
Todas elas representan a aposta pola calidade diferenciada, a innovación e o respecto pola orixe, valores que definen á marca Galicia Calidade.