Máis de 130 supermercados participan nesta acción que tamén ofertará promocións da marca de garantía.
Os produtos certificados por Galicia Calidade, organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, contarán cunha etiquetaxe especial nos 130 establecementos que o grupo de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski ten na comunidade autónoma, dentro da estratexia da marca de garantía para diferenciar no canal retail os produtos avalados con este selo.
A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, que participou no acto de presentación da nova etiquetaxe no hipermercado Eroski A Sionlla (Santiago de Compostela), indicou que os consumidores poderán acceder a máis de 300 referencias de produtos Galicia Calidade. Con esta iniciativa ponse en valor a excelencia dos produtos galegos apostando por un consumo responsable e consciente.
A maiores da etiquetaxe, do 15 e ata o 28 de xuño Vegalsa-Eroski deseñou unha quincena de promoción con descontos pola compra de produtos Galicia Calidade nalgún dos 130 establecementos. Neste sentido, deseñou un folleto promocional baixo o lema É bo que sexa de aquí, é bo que sexa Galicia Calidade, onde ofrece descontos aos seus clientes.
Pola súa banda, Galicia Calidade realizará un concurso para premiar o compromiso dos consumidores galegos coa marca, sorteando 120 Momentos Galicia Calidade entre as persoas que adquiran un produto Galicia Calidade nun dos establecementos Vegalsa-Eroski adheridos á promoción. Para participar, só é necesario subir o tícket de compra a través da web www.momentosgaliciacalidade.gal e cubrir o formulario. Os gañadores poderán gozar dunha experiencia única en hoteis con encanto, desconectar en establecementos de turismo rural ou degustar a gastronomía de restaurantes con Estrela Michelin.