Rueda felicita ao sector turístico por contribuír a reforzar a calidade de Galicia como destino

.

Galicia Calidade
institucional
Q de Calidade

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso do seu Executivo no apoio ao sector turístico galego e felicitouno por estar contribuíndo a reforzar a calidade do destino e, deste xeito, facelo, ademais, máis atractivo para os viaxeiros.

Así o fixo na entrega de distintivos Q e S de Calidade Turística 2024 da Axencia de Turismo de Galicia. Este ano entregáronse 53 novas distincións “Q” de Calidade e 39 “S” de Sostibilidade. Actualmente, Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis distintivos Q e a cuarta de distintivos S.

Neste sentido, o mandatario galego quixo salientar o traballo que se está a facer en Galicia para combinar ambos aspectos, apostando por un turismo que sexa respectuoso co medio, e puxo a Muxía como modelo claro neste eido: “Muxía é un perfecto exemplo, que está vendo no turismo un recurso fundamental que está cambiando Muxía para ben sen cambiar a súas esencia”, declarou o presidente.

Para Rueda, o sector turístico galego atravesa un dos seus mellores momentos, con cifras récord no 2023 e cada vez máis diversificado e desestacionalizado. Neste sentido, referiuse aos máis de 1,3 millóns de viaxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos galegos nos primeiros catro meses do ano e á crecente tendencia á internacionalización do destino, cun crecemento do 5% do número de turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia no que vai de ano: “Hai catro anos, en plena pandemia, todo o mundo pensaba que ía costar moitísimo chegar ás cifras do 2019, e resulta que estamos moi por enriba”, salientou.

De xeito paralelo, tamén nos catro primeiros meses o sector hoteleiro avanzou na mellora da súa rendibilidade, cun crecemento do 2% e acadando os niveis máis elevados desde que se teñen rexistros.

Por iso, o presidente reiterou o apoio do seu Executivo ás empresas e entidades que conforman o sector. De feito, este ano incrementarse un 23% a contía de axudas para apoiar a establecementos e servizos turísticos nos procesos de certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade ou a S de Sostibilidade no marco do Plan de Calidade e Sustentabilidade Turística que este ano conta cun investimento de máis de medio millón de euros.

Por último, o presidente da Xunta manifestou a importancia de apostar por un turismo de calidade, que reforce desa maneira que haxa visitantes durante todo o ano: “Canto máis sustentabilidade e calidade haxa, iremos conseguindo algo que xa é unha realidade: a desestacionalización”, rematou Rueda.

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, estivo presente na entrega de distintivos Q e S de Calidade Turística, onde puxo en valor a cantidade de establecementos adheridos á marca de garantía que son recoñecidos con estes distintivos: Casa de Cacheiro, Bela Fisterra, Hotel Faro de Lariño, Hotel Temático do Banco Azul, Hotel Bosque Mar, Talaso Hotel Louxo La Toja, Nauta Sanxenxo, Finca Míllara, Bodegas Regina Viarum, Viña Costeira, Paco & Lola, Adega Eidos, Señorío de Rubiós, Camping Paisaxe II, Hotel Monumento Pazo do Rio, O Semáforo de Fisterra, Alfonso IX, Finca Goleta, Augusta Eco Wellness Resort, Spa Nanin Playa, O Tamboril Restaurante Arrocería, A Mirandilla, Restaurante España, Restaurante Paprica, Club Náutico de Sada, A Taberna Restaurante, Restaurante El Coto, Bar Berberecho, O Eirado, Yayo Daporta, Club Náutico de Sada, Club Náutico Deportivo de Ribeira, Club Náutico Ría de Ares, Real Club Náutico de A Coruña, Real Club Náutico de Portosín, Club Náutico de Portonovo, Monte Real Club de Yates, Real Club Náutico de Vigo e Real Club Náutico de Sanxenxo.

instagram facebook twitter youtube