O presidente da Xunta visitou hoxe as instalacións da adega A Terriña, no concello ourensán de Petín
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as instalacións da adega A Terriña, onde puxo en valor o papel transformador do enoturismo como motor económico e social do rural galego. Desde o enclave vitivinícola, destacou o modelo turístico polo que aposta o Goberno galego, definido pola súa sustentabilidade, competitividade e vinculación coa identidade propia de Galicia: “Quen veña aquí ten a combinación perfecta: proba un viño magnífico e ademais pode desfrutar das paisaxes destes concellos”, remarcou o presidente.
Rueda salientou que A Terriña é un exemplo de como tradición e vangarda poden convivir, grazas ao impulso de proxectos que contan con apoio público. Neste senso, lembrou que esta adega forma parte dos 53 proxectos beneficiarios das axudas da Xunta para iniciativas enoturísticas, cun investimento global de 5,5 millóns de euros procedentes dos fondos Next Generation. Estas achegas permitiron implementar melloras como novas salas de cata, percorridos guiados ou sinalización dixital.
O titular do Executivo autonómico aproveitou a ocasión para anunciar unha nova liña de axudas dotada con 3,5 millóns de euros, que se convocará no último trimestre do ano, destinada a promover a mobilidade sostible no ámbito do enoturismo co apoio á compra de bicicletas, patinetes eléctricos, instalación de puntos de recarga, entre outras: “Imos sacar unha orde para que haxa máis mobilidade sostible. Toda a xente que vén aquí demanda tamén eses servizos, e servirá para axudar ás adegas para poder dar todos estes servizos”, destacou. Insírese no Plan Territorial de Enoturismo de Galicia 2023-2025, que inclúe tres Accións de Cohesión Territorial impulsadas pola Xunta nos últimos anos, cunha dotación de 11,5 millóns de euros só para o sector enoturístico, que están a contribuír á creación de novos establecementos turísticos e ao desenvolvementos de proxectos enoturísticos como a propia A Terriña.
No marco do Plan, referiuse tamén ás tres Accións de Cohesión Territorial impulsadas nos últimos anos, cunha dotación de 11,5 millóns de euros, que están a contribuír á creación de novos establecementos turísticos e ao desenvolvementos de proxectos como a propia A Terriña.
Rueda fixo fincapé no potencial do enoturismo como unha das modalidades con maior crecemento a nivel mundial, e subliñou a oportunidade que representa para Galicia, tanto pola súa riqueza patrimonial como polas súas cinco denominacións de orixe. Reivindicou a importancia de consolidar este tipo de enoturismo como vía para fixar poboación, xerar riqueza e crear emprego cualificado no rural: “Temos un futuro moi ilusionante por diante. Nos estamos incorporando a todo o que o mundo do enoturismo reclama”, apuntou o presidente.
A aposta pola calidade e a autenticidade como sinais de identidade do turismo galego centraron tamén a intervención do presidente, quen reiterou o compromiso da Xunta con proxectos que leven o selo de Galicia Calidade e que permitan ao sector abrirse ao mundo cunha oferta diferenciada e sustentable.
Concluíu facendo un chamamento a seguir traballando de xeito conxunto para consolidar un modelo turístico que faga de Galicia unha referencia a nivel global: ”Xa se conseguiron moitas cousas, pero a min o que máis me ilusiona é que só estamos ao principio e a onde cheguemos dependerá de todos nós”, rematou Rueda.