Sacrapastas recibe o selo de Galicia Calidade para os seus produtos

A xerente da marca de garantía da Xunta de Galicia e o delegado territorial en Lugo destacaron o esforzo da compañía por recuperar receitas tradicionais e apostar pola calidade e sostibilidade

Galicia Calidade
Sacrapastas

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, fixeron entrega da certificación Galicia Calidade aos responsables de Sacrapastas nas súas instalacións de Taboada (Lugo), destacando o seu labor na recuperación de receitas tradicionais galegas e a súa aposta pola calidade e os produtos de proximidade.

Deste xeito, a compañía poderá incluír na súa fachada a nova sinalización de Galicia Calidade, organismo dependente de Turismo de Galicia, así como engadir o distintivo nas diferentes accións de promoción comercial, reforzando a súa imaxe de marca e o seu compromiso coa excelencia.

Durante a visita, Ana Méndez destacou o “compromiso de Sacrapastas coa calidade e coa recuperación do patrimonio gastronómico galego”. Subliñou que a empresa aposta por transmitir tradición e emoción en cada galleta, mantendo vivas as raíces da Ribeira Sacra a través do sabor e da artesanía. Ademais, puxo en valor “o esforzo por manter a súa esencia familiar e a autenticidade que caracteriza as súas producións”.

Inspirada na arte románica e a mitoloxía da Ribeira Sacra, Sacrapastas recupera as históricas “Galletas de Xián”, elaboradas artesanalmente na Panadería Darío, en Taboada. Estas pastas de manteiga homenaxean ás mulleres do rural galego e ás familias que souberon namorar a todo un pobo coas súas galletas.

A súa elaboración combina tradición e innovación, mantendo o carácter artesanal grazas a unha máquina deseñada para preservar a esencia da receita. Con cada galleta, Sacrapastas pon en valor a riqueza cultural e gastronómica do seu territorio.

instagram facebook twitter youtube