A Xunta difunde na segunda xornada do Gastronomic Forum de Barcelona a potencia da industria alimentaria galega do campo e do mar baixo a etiqueta de Galicia calidade

.

Galicia Calidade
institucional
Fórum Gastronómico de Barcelona

O conselleiro do Medio Rural, José González, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e a directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, asistiron esta mañá á segunda xornada do Gastronomic Forum Barcelona, feira internacional que reúne a milleiros de persoas e centenares de empresas e na que a industria alimentaria galega se promociona a través da súa presenza no stand de Galicia Calidade.

No espazo habilitado pola Xunta a través da colaboración da Consellería do Medio Rural, a Consellería do Mar e a Consellería de Economía, Industria e Innovación están 26 empresas de sectores referenciais do campo e o mar xunto a unha selección de produtos e que, no seu conxunto, terminan de completar o escaparate de potencialidade alimentaria e gastronómica de Galicia. Todos os presentes na feira, que se celebra ata mañá en Barcelona, están baixo a marca Galicia Calidade -ou en proceso de certificación-, ou amparados por indicativos como a denominación de orixe ou a indicación xeográfica protexida.

Dentro da área Experiencias de Calidade, a programación de hoxe incluiu demostracións de cociña ao vivo –“Merluza de Celeiro”- ou catas-degustacións de produtos galegos con indicativo de calidade –“Irmáns de Leite / Mel de Galicia”, “A horta con selo” e dos blancos premiados nas Catas de Galicia do 2023-, todas enfocadas a promocionar a gastronomía galega baseada en produtos galegos. Estas actividades están dirixidas por profesionais da restauración galega e persoal dos consellos reguladores e Agacal.

Posta en valor dos produtos galegos

O conselleiro do Medio Rural asistiu hoxe á cata das catro denominacións de orixe protexidas de queixos de Galicia -Arzúa Ulloa, Queixo Tetilla, Cebreiro e San Simón-, acompañados de produtos das indicacións xeográficas protexidas Pan de Cea e Mel de Galicia. Ademais, convidou a todos os asistentes ao Gastronomic Forum Barcelona a participar pola tarde nas degustacións dos viños brancos premiados nas Catas de Galicia 2023 e “A horta con selo”.  

Nesta liña, José González afirmou que “o leite, o viño e a horta son tres bandeiras da nosa terra”, tres motores socioeconómicos do rural galego que a Xunta impulsa de xeito decidido, a través do apoio aos sectores, as liñas de promoción e a presenza en eventos nacionais e internacionais como o Gastronomic Forum Barcelona, xunto a seguir impulsando eventos propios como as propias catas de Galicia -as de mel e queixo do 2023 celebraranse nuns días-.

No referido ao lácteo, o conselleiro destacou que conta coa súa propia estratexia de dinamización, coa que se pretende seguir reforzando na profesionalización dun sector que é fundamental para a economía galega e que é referente en Europa –“cada vez producimos máis e mellor leite, con explotacións máis modernas e competitivas”-. Deste xeito,  no referido ao queixo, a Xunta busca apostar por aumentar o peso das DOP de queixo galego na transformación industrial láctea, adaptando o formato e os envases ás novas demandas de consumo. Galicia cada vez industrializa e transforma máis leite galego -o obxectivo marcado na Estratexia é acadar o 75 % de cara ao 2025-.

González anunciou que nas próximas semanas se activará unha potente campaña de promoción dos queixos galegos con DO con 400.000 euros para impulsar a súa venta de cara as datas navideñas. “Porque para o goberno galego, a promoción da nosa industria alimentaria é fundamental e vai en paralelo ao noso traballo a prol da protección da calidade.

E por iso, no 2024 a Consellería de Medio Rural destinará outros 6 millóns de euros a difundir a riqueza dos nos produtos agroalimentarios”.  

No referido ao eido do viño, lembrou que a de 2023 vén de ser a mellor vendima da década. Cara o 2024, invertiranse 9 millóns de eurso no sector, afondando tamén na colaboración cos consellos reguladores. Na mesma liña de cooperación con eixos estratéxicos do agro, en 2024 se completará a Estratexia da Horta Galega e destinaranse 1,4 millóns de euros ao Plan Apícola.

González quixo celebrar a presenza na feira de empresas referentes no seu sector, representados en produtos con selo de calidade como as denominacións de orixe vitivinícolas, os xeados elaborados con leite galego, licores e augardentes ou legumes.

Apoio ao agro galego

Co fin de seguir potenciando estes sectores e avanzar na modernización e competitividade no rural galego e favorecer a remuda xeracional, a Xunta inverterá máis de 83 millóns de euros para cumprir diferentes obxectivos. En primeiro lugar, destinaranse 32,6 millóns de euros para a transformación e comercialización de produtos agrarios; 27 millóns de euros irán destinados a investimentos produtivos en explotacións agrarias.  

Por último, favorecerase a remuda xeracional con 16 millóns de euros. Dende 2009, 4.500 mozos se incorporaron ao agro grazas a esta liña de achegas, que xunto coa convocatoria de 2024 acumula unha inversión de 164 millóns de euros nos últimos 15 anos.

A maiores, José González referiuse á necesidade de base territorial por parte dos produtores, polo que a Xunta busca mobilizar terra da máxima calidade dun xeito áxil e con seguridade xurídica con accións como a Lei de recuperación da terra agraria e as concentracións parcelarias, que se apoiarán no 2024 cunha inversión global de 31 millóns de euros, ademais dos 3,6 millóns do Plan de Pastos de Galicia.

Consellería do Mar

O stand de Galicia no Gastronomic Fórum Barcelona colleu un ‘showcooking’ no que a protagonista indiscutible foi a pescada de pincho de Celeiro. Segundo destacou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, as marcas Merluza do pincho de Celeiro e Merluza de volanta de Celeiro poñen en valor un produto de enorme calidade que ademáis é extraído polos armadores lucenses no Gran Sol a través de artes selectivas e sostibles. Tamén sinalou que ambas contan co respaldo doutros selos de garantía como son a marca Galicia Calidade, o distintivo Calidade Tradición Carrefour e a certificación de Friend Of The Sea.

O titular de Mar resaltou que a pescada é o produto estrela do mar en Celeiro, que durante o ano 2022 acaparou o 45 % das descargas e preto da metade do valor xerado nas lonxas galegas por esta importantísima especie. As 25 embarcacións vinculadas ao Porto de Celeiro e a súa organización de produtores, a OPP-77, concentran case o 30 % de toda a capacidade pesqueira deste peixe en augas europeas. Na actualidade representa, con arredor de 13.000 Ton, preto da cuarta parte da comercialización do peixe fresco chegado ás lonxas galegas entre xaneiro e xuño de 2023 e tamén lidera a táboa por ingresos, con máis de 48,5 M€ no primeiro semestre, máis da cuarta parte da facturación total (25,5 %).

Alfonso Villares puxo en valor a importancia deste tipo de accións para promocionar os peixes e mariscos galegos máis alá das nosas fronteiras e dar a coñecer as súas excelentes propiedades nutricionais e culinarias polo que cada día son máis valorados polos consumidores. Nese sentido, puxo de manifesto a necesidade de promover a dieta atlántica como exemplo de dieta equilibrada e saudable así como do compromiso do goberno galego en continuar apostando pola realización de campañas de fomento do consumo dos productos do mar de Galicia.

Consellería de Economía, Industria e Innovación

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, resaltou a importancia do sector alimentario dentro da marca de Galicia Calidade, onde máis do 50 % dos produtos pertencen a dito sector. “O viño, os queixos, os produtos do mar ou a carne, entre outros, teñen contrastada calidade en Galicia e as empresas que os producen son meredoras do distintivo”, salientou.

Ademais, destacou, a aposta do selo de garantía por seguir certificando “outras empresas galegas que contan con produtos de moita calidade, e que levarán o nome de Galicia polo mundo”. “Estamos a traballar en seguir medrando e aumetando o número de empresas certificadas pero sen rebaixar os estándares de calidade, esixindo sempre os máximos controis e auditorías para garantirlle ao consumidor que está diante dun produto de primeira e producido en Galicia”, concluíu Méndez.  

Experiencias de calidade

O Fórum Gastronómic de Barcelona é un importante escaparate para o sector alimentario galego, converténdose nunha plataforma ideal para que os produtores galegos poidan ter acceso a novos mercados, de xeito que poidan chegar a un público global e establecer contactos con potenciais clientes e socios comerciais de diferentes partes do mundo.  

A presenza na feira, que se celebra ata mañá en Barcelona, permítelles amosar os seus produtos, realizar demostracións en vivo, entregar mostras e material promocional e xerar interacción directa cos milleiros de visitantes.

instagram facebook twitter youtube