Conservas Lago Paganini, nova empresa que conta co certificado de Galicia Calidade para os seus produtos

.

Galicia Calidade
institucional
Entrega certificado Lago Paganini

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregoulle o certificado de uso da marca de garantía da Xunta de Galicia aos responsables de Conservas Lago Paganini, nun acto que se desenvolveu na planta de produción da empresa situada no polígono industrial de Castiñeiras, en Bueu (Pontevedra). Con esta son xa 168 as empresas adheridas a Galicia Calidade e máis de 850 productos ou servizos en distintos sectores.

No encontro, Ana Méndez eloxiou a aposta pola excelencia desta empresa, cuxa misión como conserveira é ofrecer produtos de alta calidade elaborados con materias primas seleccionadas. Neste sentido, referiuse ao compromiso da empresa en todas as etapas do proceso, desde a recepción das materias primas ata a entrega do produto final ao consumidor, con excelentes estándares de hixiene e calidade.

A responsable do organismo dependente de Turismo de Galicia detallou, ademais, que a obtención do selo de garantía permitirá á empresa incluír a nova sinalización coa que se identifica nas súas fachadas ás empresas adheridas a Galicia Calidade, así como engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial.

Empresa familiar

As orixes de Conservas Lago Paganini remóntanse a 1915, cando o xenovés Pietro Montemerlo Botassi fundou unha pequena empresa de salgaduras no peirao de Ojea en Cangas (Pontevedra). Conservas Lago Paganini é unha empresa familiar dedicada á elaboración e distribución de produtos do mar en conserva, sendo as súas especialidades o peixe azul (xouba, xoubiña, cabala, xureliño e agulla) e o mexillón.

Ademais, teñen un forte compromiso coa conservación e protección da contorna. É por iso que en agosto de 2022 instalaron 400 paneis fotovoltaicos para xerar 180 quilovatios de enerxía limpa e eficiente, o que equivale a 100 toneladas menos de emisións de CO2.

instagram facebook twitter youtube